CulturaCulturaÚltima hora

A creatividade valdeorresa súmase á exposición Artesorey 2025, en Cambados

Esta mostra está promovida polo IES Artsorey, un dos seus comisarios é o barquense Chere e inclúe obra de tres creadores valdeorreses

 

Ponse en marcha Artsorey 2025, unha singular e orixinal proposta que entrelaza o mundo educativo e o artístico. O acto inaugural desta mostra, organizada polo IES Francisco Asorey de Cambados coa participación do seu alumnado e comisariada, entre outros, polo valdeorrés Gerardo Rodríguez Ramos “Chere”, tiña lugar o venres 6 de xuño. Tiña lugar no Pazo de Torrado e nela contábase coa presenza de autoridades como o conselleiro de Cultura, co delegado territorial da xunta en Pontevedra e o alcalde de Cambados.

Esta sétima edición de Arstosrey pretende ser unha homenaxe ao xenial escultor cambadés, baixo o título “Tesouro, Asorey Revisitado”. Outro dos obxectivos é “sementar o valor da Arte entre o noso alumnado, esa é unha das nosas principais misións, así como a de fomentar a creatividade”, din os promotores da iniciativa.

 

Obra de Chere.

 

O Artsorey 2025 é un monográfico sobre a obra “O Tesouro” (1924) de Asorey. A exposición deste ano conta coa participación de máis de 70 alumnas e alumnos de 1º, 3ºo e 4º da ESO, que compartirán espazo con máis de 30 artistas convidados, dos cales tres son valdeorreses: Pepa Acevedo, Rafa Yáñez e Chere, entre artistas plásticos, visuais e músicos.

 

Obra de Rafa Yáñez.

 

A mostra poderá desfrutarse no Pazo Torrado (sala principal) de Cambados ata o vindeiro 6 de xullo. Na inauguración, marcada pola emotividade, poñíase énfase na importancia da arte coma eixo vertebrador dunha sociedade: “É poética e subversiva a proposta coma a exposición”, asegurábase.

Fotos cedidas.

 

Back to top button