EconomíaEconomíaÚltima hora

Conclúen con éxito os Talleres de Emprendemento e Intelixencia Artificial impulsados por AEVA

Cedida por AEVA.

 

A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), en colaboración co Club do Emprendemento e co respaldo do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), vén de concluír con éxito a primeira edición dos Talleres de Emprendemento + Intelixencia Artificial, unha iniciativa dirixida a fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado de 4º de ESO e Formación profesional da comarca.

O ciclo de talleres desenvolveuse durante as últimas semanas en cinco centros educativos de Valdeorras: IES Lauro Olmo, Colexio Divina Pastora e IES Martaguisela, no Barco; e Colexio Pablo VI e IES Cosme López, na Rúa. En total, participaron preto de 150 estudantes, que se mergullaron no mundo do emprendemento mediante unha metodoloxía práctica, dinámica e adaptada á súa realidade.

O programa forma parte da iniciativa INCIBE Emprende e está financiado pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – NextGenerationEU. O seu obxectivo é dotar á mocidade de ferramentas para desenvolver ideas propias, aprender a presentar proxectos e utilizar a intelixencia artificial como unha aliada clave para o futuro profesional.

Durante os talleres, o alumnado traballou en equipo, analizou modelos de negocio, explorou solucións innovadoras e descubriu como aplicar a tecnoloxía ás súas ideas emprendedoras. Todo iso nunha contorna participativa que estimulou a creatividade, o pensamento crítico e o compromiso coa súa contorna.

A presidenta de AEVA, Araceli Fernández del Palacio, valora moi positivamente a acollida do programa. “Estamos moi satisfeitos co resultado. O entusiasmo e o potencial do alumnado demóstrannos que en Valdeorras hai moito talento por descubrir e apoiar. Apostar por esta mocidade é investir nun tecido empresarial máis dinámico, máis tecnolóxico e profundamente vinculado ao territorio”, asegura.

AEVA considera “prioritario seguir achegando experiencias transformadoras aos mozos da comarca, espertando neles a curiosidade por emprender e mostrándolles que o seu futuro tamén pode construírse desde Valdeorras, con ideas propias e ferramentas dixitais ao alcance da súa man”.

Back to top button