ConcellosÚltima hora

Reunión de Pedro Blanco cos alcaldes da comarca de Verín sobre proxecto de saneamento e abastecemento

 

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reuniuse hoxe no Concello de Verín cos alcaldes e alcaldesas da comarca para analizar o proxecto común sobre saneamento e abastecementos que queren presentar na próxima convocatoria do Plan EDIL e a través do cal os concellos poden beneficiarse das axudas dos fondos europeos.

Na reunión participou tamén o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e outros representantes dos municipios da mancomunidade de Conso Frieiras.

Dentro da escoita activa que desenvolve a Delegación do Goberno no territorio, Pedro Blanco comprometeuse a trasladar as propostas dos rexedores aos Ministerios correspondentes así como a brindarlles toda a colaboración necesaria. “O noso obxectivo é o de remar nunha mesma dirección, traballar conxuntamente para dar resposta aos principais problemas da cidadanía, culminando proxectos estratéxicos para a provincia de Ourense”, engadiu Blanco.

Nesa mesma liña, o delegado aproveitou a reunión para recordar o compromiso do Goberno de España con Galicia. “Proba dese compromiso é o éxito dos fondos do Plan de Recuperación que permiten á nosa comunidade prosperar e poñerse no lugar que lle corresponde”, explicou Blanco.

Back to top button