DeportesÚltima hora

O Ourense Atletismo sobe a Primeira División

O club conseguía este ascenso na Final A disputada en Valladolid na tarde do domingo 8

Cedida polo Ourense Atletismo.

 

O Club Ourense Atletismo vén de lograr o ascenso á Primeira Divisiónna Final A disputada en Valladolid a tarde do domingo 8 de xuño.

As rapazas terminaron en segunda posición con 107 puntos, por detrás do potente F.C. Barcelona (134 puntos) que volve participar no Campionato de España de Clubs e por diante do CAPEX que sacou 93 puntos. O ascenso estivo asegurado tralos 3.000 obstáculos, chegando aos relevos libres de presión, explican dende o club.

Lograron o primeiro posto na súa proba Manuela Blanco en pértega con 3.86, Iria Solera en altura con 1.72, Sabela Castelo nos 3.000 lisos con 9:35.36, e Yiset Magali Jiménez en xavelina con 55.97.

A Final A da Segunda División dispútase a unha xornada en que oito equipos compiten cunha atleta por proba para lograr unha das dúas primeiras prazas que dan o acceso a Primeira. En Primeira División desenvólvense tres xornadas, sendo as dúas primeiras entre catro equipos con dous participantes por equipo en cada proba e a terceira xornada a unha atleta por proba con oito equipos loitando polo ascenso á División de Honra e os outros oito loitando por manter a categoría.

O equipo masculino, quinto no seu encontro

Por outra banda, os rapaces xogábanse menos ao estar encadrados na Final B, sen opcións de ascenso. Ainda así, o quinto posto na súa final con 12.436 puntos van valer, a falta dos resultados oficiais, para rematar no posto 25º. A mellora é moi significativa respecto ao ano pasado, no que rematamos na 35ª posición con 11.023 puntos.

As vitorias individuais foron de Fernando Ventura Blanco en pértega con 3.76 Antón Cillero do filial Riazor nos 100 con 10.98 e Matías Regueiro nos 3.000 obstáculos con 10:15.91.

“Con estes resultados vese superado un dos chanzos máis difíciles dende a reestruturación do club no 2012”, resaltan dende o Ourense Atletismo.

Back to top button