Como cada 13 de xuño, na mañá deste venres unha tirada de bombas de palenque anunciaban na Rúa o comezo do día de San Antón, unha data marcada no calendario festivo rues cuxo programa estenderase ata o domingo día 15.


O acto principal da xornada tiña lugar ás 12:30 horas, momento no que a imaxe de San Antón, seguida por un grupo de mulleres levando as tradicionais roscas casamenteiras, saía da igrexa parroquial de Fontei acompañada polos sacerdotes e unha multitude de devotos.
De seguido e tralo tradicional percorrido polas rúas, amenizado pola Charanga Nova de Trives, a comitiva regresaba á igrexa onde tiña lugar a celebración da eucaristía e ao remate, a venda na praza das tradicionais “roscas casamenteiras” que previamente eran bendicidas polo párroco, Daniel Pérez Quintela con sesión vermú a cargo da charanga. E xa pola tarde, a orquestra Tango fará o propio na festa en sesión de tarde e verbena. O testemuño colleráo Dj Marc Arroyo que fará bailar aos asistentes ata o mencer.
Mañá, sábado 14 de xuño, haberá sesión vermú na praza a cargo de Dj Marc Arroyo e pinchos gratis a partir das 13 horas; e pola noite, ás 22 horas, será o outro prato forte da festa, a Cea Popular que este ano chega á XVI edición, coma sempre baixo a carpa instalada preto da praza Enriqueta Casanova. O broche musical á noite, xa na verbena, poráo o grupo de discotecas móbiles Dolce Vita e, tal como avanzan dende a comisión, durante a festa realizarase o sorteo de 500 euros en metálico cuxas rifas venderanse previamente.

A festa rematará o domingo 15 de xuño cunha sesión vermú (13:30 horas), tarde e noite a cargo da orquestra La Travesía. O día de San Antón, é un dos festivos locais do municipio da Rúa polo que as festas contan como sempre coa colaboración do Concello e moitas empresas da vila.





Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.