“A verdadeira sustentabilidade empresarial non é só económica; tamén é social e ambiental. Sustentabilidade é respectar a contorna natural que nos rodea, que é patrimonio de todos. Sustentabilidade é garantir que as condicións de traballo protexan a saúde de aqueles que cada día dan o mellor de si. E sustentabilidade é tamén reinvestir nas propias empresas, en innovación, en seguridade e en futuro”. Era a mensaxe que lanzaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, na clausura da asemblea da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) na tardiña deste 13 de xuño no Pazo do Castro (O Barco).
Así Santos facía un chamamento a “perseguir a sustentabilidade social e ambiental” nas empresas, porque esa é a clave para lograr un futuro digno e unha comarca máis forte. Ademais, tendía a man aos integrantes de AEVA para colaborar con eles desde a Subdelegación do Goberno no que precisen. “As portas desta institución, como sempre, están abertas para escoitar e traballar xuntos, con diálogo e constancia”.
Nesta liña, agradecía á asociación o convite a intervir na clausura deste evento e felicitaba aos integrantes da mesma por colocar Valdeorras no mapa nacional e mesmo internacional. “Inmensa parte do peso desta comarca é grazas a vós. O voso traballo é esencial para que as nosas sexan vilas vivas, con xente, con comercio, con presente e con futuro”, remarcaba.
Ademais o subdelegado do Goberno dedicáballe unhas palabras de recoñecemento e agradecemento á presidenta saínt de AEVA, Araceli Fernández del Palacio, quen deixa “un listón alto”. “Guiaches con solvencia e entrega os últimos anos desta asociación e defendiches con forza ao tecido empresarial da comarca”.
Tamén, felicitaba ao novo presidente escollido na asemblea, Carlos Terán, fillo do primeiro presidente que tivo AEVA. “Asumes esta responsabilidade co respaldo e a confianza dos empresarios de Valdeorras e cun nome e apelido que resoa na memoria de todos. Hoxe confírmase que AEVA segue fiel ás súas orixes, con novas enerxías pero cos mesmos valores: compromiso, traballo e defensa da comarca”, destacou Santos.
No seu discurso, o subdelegado referíase tamén ás infraestruturas e así dicía que o proxecto dos tres carrís para a N-120 “está en marcha, xa que actualmente se están a realizar os estudos xeotécnicos, unha fase imprescindible para garantir a seguridade da obra. Sei que hai ganas, pero pido confianza, porque este é un compromiso do Goberno de España e levarase a cabo con rigor”.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeo: O SIL.
