
Nesta fin de semana de 14 e 15 de xuño de 2025, un grupo de estudantes de 2º de Bacharelato, xunto co seu profesorado de Bioloxía, visitaba o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel como premio por ter acadado os mellores postos na Olimpíada Galega de Bioloxía e representar a Galicia na Olimpíada Española, celebrada na Universidade de La Laguna, en Tenerife. Estiveron convidados os tres primeiros postos desta competición científica. Foron 2 días de actividades moi especializadas e individualizadas, que todas e todos desfrutaron intensamente.
O presidente do Xeoparque Montañas do Courel, Roberto Castro, daba a benvida aos visitantes no Museo Xeolóxico de Quiroga e felicitábaos por ter acadado un posto tan significativo na competición científica en Galicia. Pablo Fernándes, xerente do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) agradecía ao Xeoparque e aos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil o premio tan especial, concedido aos olímpicos e ao profesorado que está detrás, e amosouse satisfeito polo convenio entre ambas entidades, que podería abrir novas vías de colaboración. Luis Fernández, delegado de España na Olimpiada Iberoamericana de Bioloxía, agradeceu, en nome da Olimpíada Española de Bioloxía, o apoio firme e exemplar do COBGA a esta competición desde os seus inicios, salientando que constitúe un claro exemplo de como fomentar vocacións científicas entre a mocidade.

Gañadores da fase galega da olimpíada
Na edición 2025 da Olimpíada Española de Bioloxía, Galicia estivo representada por tres estudantes de alto nivel procedentes de diferentes centros educativos: Ángela Monteagudo, do IES Canido (Ferrol, A Coruña); Cayetana Sangiao, do Colexio Manuel Peleteiro (Santiago de Compostela, A Coruña); e Jorge Velasco, do Colexio Maristas Santa María (Ourense). Estes centros tiveron a honra de ver como o seu alumnado acadaba os mellores postos na fase galega e participaba con brillantez na fase estatal celebrada en Tenerife. Arrancaron na competición, máis de 400 estudantes galegos/as. A Xunta de Galicia, a través da Conselleria de Educación tamén colabora co COBGA na olimpiada.
Convenio entre o COBGA e o xeoparque
O presidente do Xeoparque mundial UNESCO Montañas do Courel, Roberto Castro, e o decano do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, José Antonio Fernández, asinaron recentemente, en Santiago de Compostela, un convenio de colaboración para promover accións conxuntas nos eidos da formación, a sustentabilidade, a educación ambiental e a participación na fase galega da Olimpiada Española de Bioloxía. Este acordo representa un paso adiante na cooperación entre entidades comprometidas coa divulgación científica e a conservación do patrimonio natural. O primeiro froito desta colaboración materialízase esta mesma fin de semana, con esta actividade organizada de maneira conxunta.

A visita ao xeoparque
Tres docentes de excepción: Roi Sampedro, xeólogo do xeoparque; Marcos Reinoso, biólogo especialista en orquídeas; e o presidente do Xeoparque, Roberto Castro; foron os encargados de acompañar e explicar os aspectos xerais e específicos do territorio a un público tan especial e preparado.
Ao longo de dúas xornadas, visitaron lugares emblemáticos como Montefurado, a dobra de Campodola ou o meandro da Cubela, así como os museos e xeomiradoiros. Durante os percorridos, identificaron estruturas rochosas e tiveron a oportunidade de observar fauna como milanos e outras aves rapaces, corzos, especies de artrópodos e pegadas de lobos. Tamén rexistraron a presenza de dez especies diferentes de orquídeas, ademais doutras especies vexetais autóctonas.
A directora do IES Canido de Ferrol, a bióloga María del Carmen Cerviño, agradeceu este premio ao xeoparque e a o COBGA, salientado o ben que se sentiron as persoas premiadas e destacando o privilexio que é que, tres persoas reciban durante dous días a atención dos expertos máis relevantes do territorio.