
Continúan as charlas informativas da Plataforma “Dereito ao Tren” polos concellos das comarcas afectadas pola supresión de frecuencias de alta velocidade na Estación Porta de Galicia da Gudiña. Así, os representantes da plataforma desprazábanse o sábado 14 de xuño ata á Mezquita.
Alí, expoñían os seus obxectivos e os posibles pasos ou accións a levar a cabo. “A acollida superou todas as nosas expectativas: a sala chea, participación activa, moito interese e, sobre todo, un forte compromiso por parte das veciñas e veciños. Este apoio dalle forza á nosa loita e ánimos para continuar con máis determinación ca nunca”, tal e como facía público a propia plataforma tras a xuntanza.
“Ademais, recollemos un gran número de sinaturas, unha mostra clara de que non estamos sós nesta loita por recuperar os trens que nos foron retirados”, engadían os seus representantes.
Esta tarde a reunión coa cidadanía será no Auditorio Municipal de Verín.