
Barbadás, A Pobra de Trives e Ramirás poñen en marcha o Programa Exeria de atención e asesoramento a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciado pola Xunta de Galicia e os Fondos Europeos. A través dun convenio de colaboración, os tres gobernos locais levarán a cabo o proxecto durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. As diversas características demográficas e sociais destes municipios, integrados na Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, favorecerá a intervención multidisciplinar e integral.
O programa está dirixido a mulleres vítimas de violencia de xénero, explotación sexual-laboral, migrantes, refuxiadas, dependentes do consumo de substancias tóxicas, mulleres en risco de exclusión social por motivos económicos, reclusas ou exreclusas, transexuais, mulleres con diversidade funcional, enfermidade mental ou embarazadas e lactantes sen apoio familiar e recursos. Por agora, o número de participantes previstas é de 60.

Exeria pivotará no asesoramento xurídico, psicolóxico e laboral, a formación, os obradoiros e os espazos seguros para conseguir unha mellora na calidade de vida das mulleres con accións innovadoras, especialmente no ámbito da autoestima, o apoderamento, a inserción laboral e a información sobre dereitos e recursos. O programa, elaborado desde a perspectiva de xénero, busca promover a participación social, cultural e política das participantes, facilitarlles unha atención integral e gratuíta, contribuír á súa autoestima e benestar e erradicar as dificultades e obstáculos que afrontan no seu día a día.
O proxecto arranca este xoves, 19 de xuño, na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás coa charla de Aida Dos Santos, politóloga, investigadora social, axente de igualdade e unha das profesionais participantes en Exeria. Presentará o seu libro “Hijas del hormigón”, publicado o pasado mes de marzo e moi valorado pola crítica, no que recolle as historias de máis dun centenar de mulleres dos arrabaldes.