No marco das Festas de Ourense, do 18 ao 22 de xuño, celébrase a Feira do Libro, no parque de San Lázaro. Unha cita cultural que contará con actividades moi variadas ademais dunha boa selección de librarías con expositores e a Deputación, que participa cunha caseta informativa na o que o público poderá consultar moitas das publicacións da institución provincial e explicarase, a quen se achegue a este espazo, como se pode acceder á web de publicacións da institución provincial e como comprar por ela. Durante a feira poderanse adquirir os libros da Deputación, co desconto da feira, en calquera das librerías que participan no evento.
A inauguración da Feira tiña lugar no mediodía deste mércores 18 de xuño. A presentadora daba a benvida e presenta ao primeiro ponente, Celia Fernández, Secretaria da Federación de Librarías de Galicia. Ao acto tamén asistían Jorge Pumar Tesouro, Deputado Provincial; Francisco Lorenzo, Concelleiro de Comercio; e Anxo Lorenzo, director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; e Manuel Pardo, delegado da Xunta en Ourense.
Durante as intervencións, Celia Fernández destacou a importancia da feira como “9 portas abertas á lectura, ao coñecemento e á descuberta”, facendo referencia ás nove casetas, agradecendo a implicación das institucións e do tecido privado, especialmente da empresa galega Deleite. A continuación, tomaron a palabra os representantes institucionais, subliñando o compromiso coa promoción da lectura e da cultura galega. O acto rematou co pregón a cargo de Celia Díaz, que puxo voz á paixón pola palabra escrita. Tras o acto, autoridades e público realizaron un paseo polas casetas da feira.

A feira manterá o seu horario habitual de 11 a 14 e de 18 a 21:30 horas, ofrecendo unha ampla programación na carpa de actividades e nas casetas das librarías.
Na tarde deste mércores destaca ás 18h. a representación da obra Carapuchiña Vermella a cargo da compañía Pedras de cartón, seguida dun obradoiro creativo de marcapáxinas plantables dirixido por Raquel de Árbore Azul a partir das 19h. Ademais, durante toda a tarde haberá sinaturas de libros en diversas casetas, con autoras e autores. Mañá, xoves 19, terá lugar un obradoiro de reciclaxe creativa, un contacontos sensorial impartido por Corina Alfonso da ONCE.
A programación do venres 20 inclúe un recital poético a cargo de Silvia Penas, ás 20 horas, xusto ao remate da actuación de Pablísimo, que representa a obra Cabicivai.

A feira pechará o sábado 21 cunha nova xornada de sinaturas e propostas familiares, entre as que destacan a presentación da última obra de Pedro Feijoo, Onde Nacen as Bestas, ambientada na provincia de Ourense (18 horas)
Organizada pola Federación de Librarías de Galicia baixo o lema “Onde florecen os libros” e con múltiples actividades e un 10% de desconto en todas as compras, a Feira do Libro de Ourense reafírmase como unha cita imprescindible para celebrar, compartir e cultivar o amor polos libros.
Ourense é a sexta das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras iniciar o percorrido en Ferrol e pasar xa por Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño e Redondela, a Feira do Libro chega ahora a Ourense ata o 21 de xuño.
Fotos: Carlos G. Hervella.