
Esta fin de semana a Fundación Florencio Delgado Gurriarán celebra un roteiro cultural polo Barco e unha conferencia na Casa Gayoso da Portela de Vilamartín. Ambas actividades están enmarcadas nas xornadas culturais sobre Castelao e Valdeorras que incluían unha charla da invetsigadora Pilar García Negro sobre o Castelao artista. Esta última ponencia tivo que ser adiada por motivos de saúde da ponente, pero o resto do programa mantén o seu plan inicial.
O sábado 21 de xuño celébrase a ruta ‘As rúas na memoria do Barco’, na que se fará un percorrido pola hodonimia do rueiro barquense, identificando aos persoeiros homenaxeados na vila. Comezará ás dez da mañá na Praza Ramón Otero Pedrayo, en Viloira, e estará guiada por Jorge Moral, integrante da Comisión de Literatura da Fundación FDG e colaborador habitual nas súas actividades. A ruta pasará polas rúas Eulogio Fernández, Elena Quiroga, Juan Giral e Abdón Blanco, entre outras, descubrindo a historia detrás dos nomes. Para participar do roteiro é preciso inscribirse a través do formulario que se atopa na web da Fundación.
O domingo 22 pola mañá haberá oportunidade de seguir descubrindo persoeiros de Valdeorras, neste caso ao artista Xaime Prada (Vilamartín, 1891 – Madrid, 1966). A súa traxectoria será abordada por Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses e patrono da Fundación, quen ofrecerá unha conferencia titulada: Xaime Prada, un valdeorrés na nómina de ilustradores da Xeración Nós.
A cita é as doce horas na Casa Gayoso, na Portela de Vilamartín, propiedade da familia de Xosé Gayoso, fundador e primeiro presidente do IEV, ademais de amigo persoal de Florencio Delgado Gurriarán. Gayoso foi en boa parte responsable da recuperación da obra de Florencio para a cultura galega e por iso a súa casa é o lugar idóneo para este outro redescubrimento para a comarca.