EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

A experiencia das empresas de Valdeorras no programa Conecta Rural amósase nunha xornada

Trátase dunha iniciativa promovida pola CEO e polo Igape que leva asesorado e formado a máis de 60 empresas na comarca

 

A Casa Grande de Viloira (O Barco) acollía esta mañá unha xornada na que se daba a coñecer o labor de apoio ao emprendemento que desenvolve o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o programa Conecta Rural na comarca de Valdeorras.

O acto abríase coa intervención da delegada especial da Deputación de Ourense en Valdeorras, a deputada María Carmen González, quen resaltaba o traballo que desenvolve o Igape e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) na comarca a través de Conecta Ourense Rural. “O voso labor é moi encomiable, así que a seguir así, necesitamos xente con forza, con ahínco e moitas xornadas deste tipo xa que, despois dos moitos problemas que arrastra a diario a pequena e mediana empresa, é bo estar aquí xuntos porque somos máis fortes”.

Ademais daba a benvida ao novo presidente da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), Carlos Manuel Terán Búa, deséxandolle moito éxito no mandato que agora inicia e facendo unha lembranza especial ao seu pai, quen fora o primeiro presidente desa organización empresarial.

 

 

A continuación era Terán Búa quen tomaba a palabra, quen comezaba a agradecendo o apoio da Deputación de Ourense ás iniciativas “que impulsan o desenvolvemento empresarial da nosa comarca” e tamén a presenza de representantes da CEO, do Igape e das empresas participantes. “É unha honra participar neste acto para falar dun proxecto tan significativo e beneficioso para as nosas empresas. Esta iniciativa, impulsada pola CEO, co apoio da Xunta de Galicia, a través do Igape, ten un obxectivo claro: achegar recursos e asesoramento ás empresas do entorno rural, especialmente en ámbitos clave como a dixitalización, a sostibilidade, a internacionalización ou o acceso ás axudas públicas”.

Ademais o presidente de AEVA lembraba que dende hai aproximadamente tres anos o programa Conecta Ourense Rural está presente en Valdeorras grazas á súa oficina, situada na sede de AEVA no Barco. “Este espazo de traballo conxunto ten demostrado ser unha ferramenta útil e eficaz. Só na comarca de Valdeorras xa foron máis de 60 empresas as que recibiron asesoramento e formación. E no conxunto da provincia o programa alcanzou máis de 160 empresas. Hoxe teremos a oportunidade de escoitar a tres empresas valdeorresas asociadas a AEVA, que compartirán a súa experiencia no programa: Acoval, Adegas Roandi e a Cova da Xabreira. Elas representan o esforzo, a innovación e a capacidade de adaptación do noso tecido empresarial”. Tamén agradecía que estas empresas puxeran en común a súa traxectoria e aprendizaxes.

 

 

Carlos M. Terán concluía sinalando que “sentímonos moi satisfeitos de colaborar nesta iniciativa. Non só facilitamos  o acceso aos servizos do programa a través da súa técnica, Amparo, e dende a nosa oficina en Valdeorras, senón que tamén actuamos como punto de contacto cercano, achegando as nosas empresas tanto a identificación de oportunidades ata a presentación e xustificación de axudas. Queremos que todas as empresas de Valdeorras, sexan grandes ou pequenas, novas ou consolidadas; teñan acceso a recursos reais que lles permitan medrar, competir e seguir xerando emprego”.

 

 

A partir de aí interviña María Fernández Vázquez, responsable de Conecta Ourense da CEO, así como a técnica do programa en Valdeorras, Amparo Rodríguez. O programa continuaba coas intervención de tres das empresas participantes en Conecta Ourense, nunha mesa redonda moderada por Nachy López Queipo, asesoramento experto e colaboradora de Conecta Ourense e do Igape.

 

 

 

A primeira en falar era María Ángeles Pérez Osorno, coordinadora do sistema integrado de xestión de Aglomerados y Construcciones Valdeorras (Acoval), despois facíano Margarita Alejandre Lorenzo, xerente de Bodega Roandi, e Simón Val Armesto, administrador de Cova da Xabreira.

Arredor das 12h. dábase paso ao relatorio “Como aproveitar as axudas do Igape e os recursos da Oficina Económica de Galicia”, da man de Carla García Valcarce, técnica responsable Oficinas Sur. Oficina Económica de Galicia, e de Mónica Pena Hevia, técnica de Proxectos. Oficina Económica de Galicia.

A xornada concluía cun viño-networking para compartir experiencias e crear novas conexións.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button