En portadaÚltima hora

Membros do GREIM e do SEPRONA visitan o campamento infantil de espeleoloxía Águilas Verdes, en Covas (Rubiá)

 

Triunfan ala onde van, sobre todo se hai cativos de por medio e hoxe non foi unha excepción. Na mañá deste sábado 21 de xuño comezaba no refuxio de Covas (Rubiá), en pleno Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, o  IV campamento infantil de espeleoloxía Águilas Verdes no que participan unha vintena de cativos de entre 7 e 14 anos. E a primeira actividade era a visita do GREIM (Grupo de Rescate e Intervención en Montaña da Garda Civil) e do SEPRONA (Servizo de Protección da Natureza), ambos coa base en Trives, acompañados polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.

Dende o GEM (Grupo de Espeleoloxía e Montañismo) Águilas Verdes de Rubiá que organiza o campamento, Marcos daba as grazas a todos por asistir, en especial ao membro do GREIM para “ensinar aos nenos as intervencións e rescates que fan en montaña, pois ao tratarse dun campamento de espeleoloxía é moi importante que saiban como comportarse dentro dunha cova e como traballan eles á hora dun rescate”. Para os nenos e o campamento en xeral “é moi importante que veñan, porque á parte de grandes profesionais son excelentes persoas”, asegura o espeleólogo. Un labor de divulgación da Garda Civil, “fundamental para previr riscos nas actividades que se practican no medio natural”, destacou o subdelegado do Goberno en Ourense.

 

 

Na súa intervención, Eladio Santos destacou a importancia da seguridade na montaña, xa que “gozar da natureza tamén require coidala, así como coñecer os seus riscos e saber como actuar”. “Por iso é fundamental o labor de prevención e formación que realiza a Garda Civil, especialmente a través do GREIM e do SEPRONA, cuxo traballo salva vidas e xera confianza entre quen habita ou visita as zonas montañosas”, subliñou.

As prácticas como a espeleoloxía, indicou o subdelegado, “fomentan o deporte e o compañeirismo, así como a curiosidade e o coñecemento do noso patrimonio natural”. “Actividades como este campamento espertan vocacións e transmiten valores esenciais para o respecto polo medio ambiente”, sinalou. Ademais, Santos explicou que esta exhibición do GREIM e do SEPRONA se enmarca no Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas do Ministerio do Interior, “unha ferramenta imprescindible”. “Actos como este demostran a súa vitalidade e capacidade para chegar á mocidade desde o exemplo e a proximidade”, engadiu.

 

 

Finalmente, o subdelegado quixo poñer en valor o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, “un tesouro de biodiversidade e paisaxe que debemos protexer”. Por iso, felicitou ao grupo Águilas Verdes e aos nenos e nenas que participaron na actividade, porque “é fundamental promocionar este espazo tan singular e descoñecido”.

Pola súa banda o membro do GREIM Justo Alemparte, indicou que o seu grupo está formado por sete axentes e un can, distinguidos o ano pasado coa medalla ao Mérito Civil polo rescate dunha avioneta accidentada en Trevinca.

 

 

O campamento continúa pola tarde. Tralo xantar, están previstas saídas en kaiak, unha das actividades que máis gusta aos nenos que adoitan repetir ano tras ano e a visita á Pala da Zorra. Pola noite, a cea será no refuxio onde tamén pernoitarán tralos xogos nocturnos cos que pecharán a primeira xornada.

O programa retomarase mañá co almorzo, seguido de diversas actividades entre as que está o concurso de nos e o xantar ao que asistirán os pais e nais dos cativos participantes. Cara as 16:30 horas será a clausura coa entregas de diplomas e despedida.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button