Dende Elena Quiroga de Abarca, Florencio Delgado Gurriarán ou Chano Piñeiro ata Manuel Valcárcel, Gabino Díaz de Herrera, Juan Giral, Santiago Melo Pisón, Eloi Rodríguez ou Abdón Blanco. As rúas do Barco de Valdeorras con nomes de persoeiros destacados en diferentes ámbitos, eran os protagonistas na mañá deste sábado 21 de xuño da ruta guiada por Jorge Moral, dentro das xornadas culturais ‘Castelao e Valdeorras’ organizadas pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán.
Durante algo máis de dúas horas, Moral foi presentando biografías, documentos e anécdotas sobre estes persoeiros, destacando os cambios históricos e as paradoxas que agochan os seus recoñecementos. “Por exemplo, no feito de que só haxa unha rúa con nome de muller, que a rúa San Roque se chamara anteriormente avenida Pablo Iglesias, ou que a vía dedicada a Abdón Blanco -o alcalde asasinado tralo Golpe de Estado do 36- conflúa coa do empresario Conde de Fenosa, colaborador do réxime franquista”, explican dende a Fundación.

A ruta comezana na praza Elena Quiroga en Viloira atravesando algúns dos barrios menos céntricos da vila e, ao rematar, xunto á praza dedicada ao dramaturgo Lauro Olmo, “recolléronse varias propostas, como a de que todos os indicativos das rúas incorporen unha pequena explicación do persoeiro, como xa sucede nas máis recentes feitas en lousa. Tamén se suxeriu que se incorporen ao rueiro persoas que quedaron na sombra, como a escritora Pilar Enciso, muller de Lauro Olmo, co que colaborou e a quen podería acompañar no nome dos espazos dedicados a el”, indican dende a organización, incidindo noutra necesidade comentada polos asistentes, “de renovar a hodonimia local incorporando individuos e colectivos que os novos relatos históricos axudan a colocar no centro. Desta maneira, poderíase celebrar socialmente a artistas plásticos, labregos ou persoas reivindicadas en libros como As mulleres do monte de José Antonio Gurriarán”.
As actividades da Fundación continúan mañá, domingo 22 de xuño, ás 12 horas na Casa Gayoso da Portela de Vilamartín onde Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, dará unha conferencia sobre Xaime Prada, un valdeorrés na nómina de ilustradores da Xeración Nós.
Fotos cedidas.