Logo dunha vida dedicada á docencia, Reme Arias Prada despedíase da súa profesión nunha sentida homenaxe celebrada este domingo 22 de xuño no Pazo do Castro (O Barco). Rodeada pola súa familia, tamén por profesores e profesoras cos que traballou, así como por amigos e polos seus compañeiros do Orfeón Valdeorrés, celebraba o paso a unha nova etapa.

Esta barquense, outra de cuxas paixóns é a música, leva 24 anos como directora do CEIP Otero Pedrayo de Viloira (O Barco). É unha persoa especialmente querida e así se demostraba nesta homenaxe, que reunía a un cento de comensais e na que non faltaban as sorpresas, nin os agasallos.

No apartado musical destaban as actuacións do profesor do Conservatorio do Barco Manuel Prada, ao saxofón, e tamén do director do Orfeón Valdeorrés, José Ramón Mansilla, tanto ao teclado como dirixindo a esta formación, da que Reme Arias forma parte e tamén foi a súa presidenta anteriormente.

Deste xeito, réndeselle homenaxe a unha docente cariñosa, traballadora e sempre implicada co seu alumnado ao longo da súa traxectoria.
Fotos: Carlos G. Hervella/cedidas.

