OurenseÚltima hora

A valdeorresa Kissy Torres, primeira en K2 veteranas no Descenso do Miño

 

O Club Ría de Betanzos convertíase no gran protagonista do LVI Descenso do Miño de Ourense, celebrado na pasada fin de semana, ao impoñerse con claridade na clasificación xeral por equipos. A cita reuniu a 287 deportistas de 28 clubs, que tomaron a saída desde Os Peares e Barra de Miño. A meta estivo situada na zona de Batundeira, en Velle (Ourense).

O Club Ría de Betanzos finalizou en primeira posición por equipos cun total de 2.447 puntos. Seguíronlle o Club Náutico de Cobres, con 1.613 puntos, e a Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, con 1.331 puntos.

En K-1 sénior masculino, a vitoria foi para Iván Domínguez (Confraría Pescadores Portonovo) cun tempo de 1:07:44. O segundo posto foi para Alexandre Castro (Naval de Pontevedra) con 1:10:14, e o terceiro para Adrián Neira (Piragüismo Verducido-Pontillón) con 1:11:35.

En K-2 sénior masculino impúxose a parella do Club Piragüismo Vilaboa formada por Antonio Palmas e Alexandre Míguez, cun crono de 1:05:07. A segunda posición foi para Eugenio López e Diego Rodríguez, tamén do Vilaboa, co mesmo tempo. O terceiro lugar foi para Pablo García e Felipe Dobarro (Naval de Pontevedra), que cruzaron a meta en 1:05:08.

En C-1 sénior masculino, o primeiro posto foi para Diego Piñeiro (Escola Ciudad de Pontevedra) cun tempo de 37:28. Segundo foi Xoel Correa (Kaiak Tudense) con 37:37, e terceiro Roque Araujo (Náutico Pontecesures) con 38:52.

Na categoría K-1 sénior feminina gañou Antía Landeira (Rías Baixas-Boiro) cun tempo de 37:27. A segunda posición foi para Iria Ludeña (Kaiak Tudense) con 39:00, e a terceira para Mariña Raimúndez (Piragüismo Vilaboa) con 45:17.

En K-2 sénior feminino, a vitoria foi para Irene Latexe e María Latexe (Ría de Betanzos), que marcaron un tempo de 35:12. Segundas foron Adriana Quevedo e Cristina Expósito (Escola Ciudad de Pontevedra) con 36:44, e terceiras Aroa Rodríguez e Sabela Rivera (Ría de Betanzos) con 39:10.

 

 

En C-1 sénior feminino impúxose Noa Conde (Rías Baixas-Boiro) cun tempo de 44:31. A segunda clasificada foi María Villaverde (Escola Ciudad de Pontevedra) con 46:35, e a terceira Rosana Simón (Escola Ciudad de Pontevedra) con 55:46.

Xa dentro das categorías de veteranos cabe destacar o resultado da padexeira valdeorresa Kissy Torres que se impoñía xunto á súa compañeira en K-2 do Club Ría de Betanzos, Emma Vía. En segunda posición quedaba o K-2 veterano do Club Fluvial Avión-Castrelo de Miño, formado por Mónica Piñeiro e Sonia López.

Fotos cedidas.

Back to top button