CulturaCulturaÚltima hora

O Festival Literario de Allariz 2025 celebra a pluralidade das literaturas do Estado

Cristina Sánchez-Andrade, Suso de Toro, Miquel Martín i Serra, Isaac Xubín, María Alonso Seisdedos e Garazi Albizua, no Festival Literario de Allariz os días 4 e 5 de xullo

 

A cuarta edición do Festival Literario de Allariz (FLAZ) está a piques de comezar. Na mañá de hoxe, Cesar Lorenzo director de Aira Editorial, Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz e María López, concelleira de Promoción Económica, presentaron esta nova edición. Os días 4 e 5 de xullo estarán en Allariz os autores Miquel Martín i Serra, Garazi Albizua, María Alonso Seisdedos, Isaac Xubín, Cristina Sánchez-Andrade e Suso de Toro.

O Estado español ten literaturas diversas. Créase en galego, éuscaro, catalán e castelán. Para que cada literatura medre é imprescindible a tradución. Destes e doutros temas falarase neste FLAZ.

O Festival Literario de Allariz (FLAZ), nacido no 2022, é un proxecto de promoción e fomento da lectura que reúne durante dúas xornadas figuras da literatura en todas as linguas do Estado, da man da libraría Aira das Letras e do Concello de Allariz, e conta coa colaboración da Deputación de Ourense, a libraría Maruxairas, a editorial Aira, a empresa de servizos turísticos Xeitura, a pastelaría Fina Rei e os establecementos hostaleiros Fío de Liño e Alarico.

“Literatura e loita de clases”, un diálogo entre Garazi Albizua e Miquel Martín i Serra, será o primeiro encontro deste cuarto FLAZ, na tarde do venres, 4 de xullo, na Sala de Exposicións A Fábrica de Allariz. Garazi Albizua (1985) é unha das autoras en lingua vasca con maior proxección. No 2024 publicou Termita: A súa literatura directa e poética atraeu a atención de lectores e crítica. Miquel Martín i Serra (Begur, Catalunya, 1969) é un dos escritores máis respectados das letras catalás actuais. O seu libro O atallo (publicado en galego por Aira) foi un grande éxito.

“A tradución literaria como resistencia fronte ao automatismo” é o título do diálogo entre María Alonso Seisdedos e Isaac Xubín, que terá lugar o sábado, 5 de xullo, ás 12,30 h na sala de exposicións A Fábrica. María Alonso Seisdedos (Vigo, 1961) é unha das tradutoras galegas máis recoñecidas, con varios premios ao seu labor. Por exemplo, recibiu no 2014 o Premio Nacional de Tradución que outorga o Ministerio de Cultura, como parte do equipo que traduciu ao galego o Ulises, de James Joyce. No 2024 publicou a súa primeira novela, As Jermaine. Isaac Xubín (A Coruña, 1978), é tradutor e escritor. Como creador recibiu o Premio da Crítica, o Premio Eusebio Lourenzo Baleirón ou o Lueiro Rey de Poesía. Traduciu a Joseba Sarrionandia, Eva Baltasar ou Flann O’Brien.

 

 

Xa na tarde do sábado terá lugar o encontro entre Cristina Sánchez-Andrade e Suso de Toro baixo o título: “O estilo literario na idade de ouro da trama”. Cristina Sánchez-Andrade, natural de Santiago de Compostela, é unha das narradoras en lingua castelá máis orixinais e recoñecidas, tanto en España coma en América Latina A súa última novela, Habitada (2025) está traducida ao galego. Ademais, tamén é tradutora. Suso de Toro (Santiago, 1956) é un dos referentes indiscutibles da narrativa galega actual. A súa sólida traxectoria e o seu nivel de influencia plásmase no gran nivel da súa obra, con obras tan singulares como Polaroid, Land Rover, Calzados Lola (Premio Blanco Amor, 1997),

Home sen nome e Un señor elegante. A súa última obra é Conta, Sherezade (2025).

“Pontes e canles: Escrita, tradución e mercado literario”. Así se titula a mesa redonda coa que remata o FLAZ 2025 na tardiña do sábado (19,30 h), 5 de xullo, coa participación dos seis convidados: Garazi Albizua, María Alonso Seisdedos, Miquel Martín i Serra, Cristina Sánchez-Andrade, Suso de Toro e Isaac Xubín.

Anteriores edicións

Autoras e autores tan recoñecidos, premiados e con milleiros de lectores como Katixa Agirre, Diego Ameixeiras, José Ovejero, Emma Pedreira, Edurne Portela e Juan Tallón, participaron na primeira edición. O primeiro FLAZ reuniu a autores galegos e do resto da península, poñendo o foco na escrita en diferentes linguas e creando un espazo e un tempo de encuentro entre a comunidade lectora e os creadores. Desde Aira das Letras considérase o proxecto como unha extensión natural do labor das librarías e do seu compromiso cos autores, coa comunidade lectora e coa contorna local. Máis sentido tivo, se cabe, naquela primeira edición retomar o contacto directo entre autores e público tras a pandemia. O listón quedou alto e na segunda edición, en xullo de 2023, participaron Marta Sanz, Belén Gopegui, Javier Peña e Blanca Riestra. O FLAZ quere ser reflexo de toda a cadea de valor do libro e nesa segunda edición, ademais de autores, convidou a dous coñecidos editores en castelán e galego como son Constantino Bértolo e Moisés Barcia. Na terceira edición, do 2024, participaron Berta Dávila, Carlos Meixide, Antón Riveiro Coello, Marta Orriols e tamén os axentes literarios Bernat Fiol e Marina Penalva.

PROGRAMA FLAZ 2025

A Fábrica, Allariz. Entrada libre ata completar foro

VENRES, 4 DE XULLO

19,30: ‘Literatura e loita de clases’. Diálogo entre Garazi Albizua e Miquel Martín i Serra

SÁBADO, 5 DE XULLO

12,30: ‘A tradución literaria como resistencia fronte ao automatismo’. Diálogo entre María Alonso Seisdedos e Isaac Xubín

17,30: ‘O estilo literario na idade de ouro da trama’. Diálogo entre Cristina Sánchez- Andrade e Suso de Toro

19,30: ‘Pontes e canles: Escrita, tradución e mercado literario global’. Mesa redonda

entre todos os participantes

 

Back to top button