
Chega a 13ª edición do ciclo de “De Perto, a palabra contada, cantada e rimada” ao Barco. Clebrarase entre os días 1 e 28 de xullo en varias localizacións do municipio. O cartel deste ano é unha creación de Angel Fernández, estudante de 4º da ESO (Arte) do IES Martaguisela. A súa obra foi seleccionada entre as preto de dez presentadas polos alumnos deste centro. Este ciclo abre a programación cultural que se desenvolverá no municipio, organizada pola Concellería de Cultura, durante todo o
verán.
A meirande parte das actividades do “De Perto” serán, coma sempre, nos xardíns da Casa Grande de Viloira, pero tamén se achegarán ao Mosteiro de Xagoaza, á Torre do Castro e á Praia Fluvial do Malecón. Serán en total 8 espectáculos, que se desenvolverán todos os martes do mes e tamén tres venres.
“De Perto” permitirá, de novo, que a veciñanza volva a atoparse arredor da palabra, con espectáculos de narración oral, teatro, poesía escénica e música folk e tradicional. Estefanía Surreira, Fátima Delgado, Xoán Curiel, Simone Negreira, Sole Felloza, Dani Blanco, Alana e Ítaca Teatro son os nomes que nesta edición enchen o programa de “De Perto”.
Os emprazamentos elixidos para todas as actividades -xardíns da Casa Grande de Viloira, Torre do Castro e Praia Fluvial- son lugares especiais, cheos de maxia e ideais para que se conxunten en harmonía todos os elementos necesarios para que o ciclo se desenvolva nun ambiente de calma e serenidade, cun marco natural, amable e acolledor.
