
O grupo municipal do BNG do Barco, a través do seu voceiro Manuel Agra, levará a vindeiro pleno de xullo da Corporación local unha moción para “garantir a realización de todas as mamografías necesarias no Distrito Sanitario de Valdeorras”.
No texto da moción o BNG do Barco lembra que o 20 de marzo de 2018 “o Parlamento galego (só cos votos do PP) aprobou a reforma da Lei de Saúde de Galicia. Valdeorras deixou de ser unha área sanitaria, pasamos a ser un distrito integrado na área sanitaria de Ourense. Comeza, entón, a recentralización do sistema, a perda de servizos sanitarios na comarca e os continuos recortes longamente denunciados. A poboación do rural -a máis envellecida e necesitada de atención- é alonxada da atención hospitalaria. Masifican os hospitais de área o que xera máis listas de agarda e envían os pacientes a centros privados concertados”.
Así mesmo, o texto da moción di que “a perda de especialidades, especialistas e servizos sanitarios segue avanzando” e supón que “obriga a veciñanza do distrito a trasladarse a Ourense -cento e pico quilómetros- para recibir atención sanitaria pública. Todo isto coa agravante do mal estado das comunicacións e a escaseza de transporte público”.
Nesa liña, refírese o BNG a que “estes días saíron á luz casos de mulleres do noso distrito sanitario que eran derivadas a Ourense para realizar as mamografías. Unha proba necesaria e obrigatoria para previr un dos cancros máis comúns, que practicamente ten que realizar toda a poboación feminina e que, por outro lado, dura menos de 15 minutos”.
E por iso o grupo do BNG solicitará á Corporación barquense “instar a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a garantizar a realización no Hospital Público de Valdeorras (HPV) de todas as mamografías necesarias no distrito sanitario do Barco de Valdeorras”.