EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

A excelente conservación da paisaxe de montaña de Trevinca, na Veiga, sorprende aos expertos internacionais de Highlands.3

Unha vintena de investigadores de diferentes partes do mundo percorría este municipio para coñecer as súas singularidades como espazo de montaña e as iniciativas socioeconómicas desenvolvidas nel

 

A boa conservación da paisaxe de alta montaña de Trevinca, coas súas singularidades glaciares, así como a diversidade de iniciativas socioeconómicas promovidas arredor dela dun xeito sustentable, sorprendían á vintena de investigadores de diferentes universidades europeas e extracomunitarias, que nos últimos dez días visitaban o municipio da Veiga no marco do programa de posta en valor da montaña Highlands.3.

Era unha das cuestións que estes expertos procedentes dunha decena de países (Grecia, Eslovenia, Portugal, Austria, Cabo Verde, Arxentina, Brasil, Francia, Montenegro, Romanía e España) e cun perfil multidisciplinar, destacaban no acto de presentación de conclusións que pechaba esta viaxe, na tarde do 27 de xuño, e que marca xa a recta final deste programa europeo no que participa a Universidade de Santiago e a Asociación de Turismo e Hostalería de Trevinca – A Veiga TREVIHOST.

Ao longo destes días os investigadores facían visitas guiadas a explotacións de vacún en extensivo, ao Centro de transformación de produtos agroalimentarios e mel, Actividades Turísticas de Montaña, CMVMC, historia do volframio, cooperativa de mulleres no rural, establecementos hostaleiros no rural, persoal municipal, observatorio astronómico e turismo fluvial de encoro. E nesas visitas realizaban unha serie de entrevistas aos responsables dos proxectos, cuxos datos e resultados se comentaban nas conclusións e que, unha vez procesados, se subirán a plataforma do proxecto para poder ser consultados e comparados cos doutros territorios participantes no programa, así como para realizar futuros estudos. Ademais realizaban outras actividades lúdicas participativas soa poboación local.

“Realmente impresionoulles que no noroeste de España estivese tan ben conservada a paisaxe de montaña, sen alteracións industriais; e destacaban elementos como os vales glaciares, e ese interese por Trevinca evidenciábase tamén no feito de que, á marxe do programa de actividades, algúns deles subiron á montaña pola súa conta, querían coñecela máis. Tamén se quedaron gratamento sorprendidos de que nun entorno rural e con tan pouca poboación existisen iniciativas moi diferentes e tan boas de posta en valor económica dos recursos dun xeito sostible: casas e hoteis rurais, gandería, empresas forestais, un centro de transformación de produtos locais… E incidían en que este tipo de iniciativas encaixaban perfectamente na filosofía do proxecto Highlands”, resalta Marcos Pérez, responsable de TREVIHOST no proxecto Highlands.3 e coordinador da visita á Veiga.

Aínda así, no apartado de conclusións estes expertos facíanlle unha advertencia á Veiga: que tivesen coidado cunha posible sobrecarga turística neste destino de montaña. Ademais estes investigadores, que xa estiveran facendo visitas deste tipo noutros lugares participantes no programa como Malawi, Vietnam, Cabo Verde, Arxentina ou Cárpatos, constataban que, ao longo do mundo, os territorios de montaña presentan uns problemas comúns.

 

 

O proxecto Highlands.3

Con esta sesión poñía o broche a esta visita do proxecto Highlands.3, que se iniciaba no 2020, con financiamento europeo de 2,5 millóns de euros, coa participación de 30 países e 40 entidades académicas (como a USC) e non académicas (como é o caso de TREVIHOST).

“Trevinca-A Veiga foi escollida polas súas características únicas neste tipo de terreos “Highlands”, Terras Altas, polo seu estado de conservación e pola característica única en Galicia como ser o punto máis elevado de Galicia, Pena Trevinca (2127 m). Tamén escolleuse A Veiga polos diferentes graos de protección, ZEC E ZEPA, ademais de iniciativas innovadoras onde encaixa perfectamente coa filosofía do programa, como son as explotacións en extensivo, transformación de produtos alimentarios autóctonos, turismo sustentable e paisaxe natural de montaña”, indica Marcos Pérez.

Inicialmente o programa tiña unha duración de 4 anos, pero a pandemia interrompeu o seu proceso, e finalmente estendeuse un ano máis. Neste tempo, A Veiga recibía a visita de varios investigadores con longas estadías no territorio: un experto en minería de Arxentina, unha investigadora en materia de turismo e outro experto forestal, estes dous últimos arxentinos.

Algo que se completaba con esta visita técnica neste mes de xuño. Dende TREVIHOST fan unha valoración moi positiva, tanto da mesma como da experiencia do conxunto do programa, no que, á parte de Trevinca, só participaba outra zona de montaña española: Pirineos. “Conseguimos entrar nun programa a nivel mundial e iso xa é un orgullo. Dende TREVIHOST sempre apostamos por un turismo sostible, esa foi sempre a nosa filosofía, e así o destacaban estes investigadores. A nosa intención, tras este programa que agora conclúe, é no futuro seguir nesta liña e participar noutros proxectos similares”.

O remate de Highlands.3 está previsto oficialmente para o 31 de agosto deste ano. Tras pasar por A Veiga, este grupo de investigadores visitará Portugal, outro dos países participantes no proxecto.

Fotos: TREVIHOST.

Back to top button