OurenseÚltima hora

Río presenta a III Festa da Tenreira e o seu Festival da Lonxevidade en Ourense

“Foi unha xornada simbólica pero necesaria: demostramos que o rural ten moito que dicir", asegura o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez

 

Cun showcooking en directo vén de presentarse na cidade de Ourense a terceira edición da Festa da Tenreira de San Xoán de Río, que se celebrará o 14 de agosto. Esta demostración, celebrada no Centro Comercial Ponte Vella, corría a cargo dos responsables da Pensión Palomos de Río, ofrecendo ao público unha degustación gratuíta de tenreira, acompañada con viño da Ribeira Sacra e bica artesá do mesmo municipio. Trátase dun adianto do que será unha das grandes citas gastronómicas do verán na montaña ourensá.

Nese mesmo marco, tamén se presentaba o Festival da Lonxevidade de Río, previsto para os días 8 e 9 de agosto. A iniciativa busca “poñer en valor o modelo de vida activo e comunitario de San Xoán de Río, que pasa de ser o municipio máis envellecido de Galicia a reivindicarse como o máis lonxevo”, segundo o Concello.

 

 

Ambas actividades tiñan lugar na xornada do 28 de xuño. Durante dúas horas, a segunda planta do centro comercial convertíase nun punto de encontro entre a cidade e o rural, cunha programación que destaca polo seu carácter social, gastronómico (con degustacións) e vitalista.

 

 

E no decurso da iniciativa tamén se daba a coñecer o proxecto “Mulleres de Río”, unha coreografía protagonizada por veciñas do concello que representa o empoderamento feminino e a diversidade xeracional no rural galego. Un momento cheo de emoción, reivindicación e alegría.

 

 

“Foi unha xornada simbólica pero necesaria: demostramos que o rural ten moito que dicir, tamén en espazos urbanos. Necesitamos esta conexión real entre rural e cidade, entre tradición e vangarda”, destaca o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.

 

 

Este Concello agradece a colaboración do Centro Comercial Ponte Vella, do Inorde, do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Turismo de Galicia e da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra. Destaca  tamén que “esta acción forma parte dunha estratexia máis ampla para posicionar San Xoán de Río como referente en innovación rural, cultura e futuro demográfico”.

Fotos cedidas.

 

Back to top button