PolíticaÚltima hora

O BNG de Viana do Bolo pide un pleno extraordinario para abordar a situación do SAF

Concelleiros do BNG coa solicitude do pleno./ Cedida.

 

O grupo municipal do BNG de Viana do Bolo vén de emitir un comunicado para informar da solicitude dun pleno extraordinario “coa intención de sacar a licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que leva caducada dende o ano 2022 causando un prexuizo laboral ás traballadoras do mesmo; traballadoras que neste momento manteñen unha folga na defensa dos seus intereses e que como é de supoñer causa desatención aos usuarios do Servzo de Axuda no Fogar (SAF)”.

Os nacionalistas lembran que “o contrato do SAF adxudicouse por última vez en setembro do 2018” e que era un contrato por dous anos que chegou ata o 2020, e que prevía unha prórroga de dous anos. Dende o 2022 o servizo, din “está en precario, sen contrato. Neste tempo as condicións laborais das traballadoras e traballadores non se adecuaron xerando malestar e unha preocupación que os levou primeiramente a facer concentracións e posteriormente a folga”.

Agora, o BNG vianés vén de solicitar, “ante esta situación de parálise por parte do goberno de Montesinos”, do PP, un pleno extraordinario, “ao que temos dereito dada a nosa representación, para debater unha vez mais a situación do SAF. Neste caso dende o Bloque Nacionalista Galego facemos unhas propostas claras e ben definidas da formula para financiar o SAF e así sacalo a licitación baseadas nos datos facilitados polo propio Concello de Viana. Para que esta proposta teña todos os marchamos legais solicitamos que a secretaría intervención emita os informes pertinentes; e rematar sacando a licitación o contrato dunha forma inmediata e así comezar a dar solución aos graves problemas que ven acumulando”.

Back to top button