
A Concellería de Educación do Concello de Ourense pon en marcha o programa de actividades ‘Concilia Verán 2025’, que ten como obxectivo axudar á conciliación laboral e familiar durante as vacacións escolares.
A proposta amplía este ano en 375 o seu número de prazas, para chegar a máis de 2.100 participantes. Todas as actividades, de marcado contido lúdico-educativo, van dirixidas a nenos e nenas dende 4º de Educación Infantil ata 4º da ESO e desenvólvense en distintos espazos da cidade para facilitar os desprazamentos.
O luns 30 de xuño comezaban 2 novas propostas que se incorporaron este ano á programación. Por unha banda, no Centro Cívico Colón lévase a cabo o Campamento dixital-Cibervoluntarios e, na Escola Municipal de Música e Teatro, o campamento de Iniciación ao Teatro. Tamén está en marcha o programa na Aula de Natureza de Oira, onde cada día ata a primeira semana de setembro, se desenvolven actividades relacionadas co medio ambiente.
O martes 1 de xullo comezaba o ‘Concilia Verán’ nos centros de ensino (9 en total), que se desenvolverá en xullo e agosto en horario de 8.00 h a 14.30 h nos CEIP O Couto, Manuel Luis Acuña, Amadeo R. Barroso, Mestre Vide, Virxe de Covadonga, Vistafermosa, Irmáns Villar, A Ponte e As Mercedes.
A programación complétase co ‘Concilia Verán-Espazo Makers-Uvigo: Un verán na nube’ durante o mes de xullo para alumnado de 6º de Primaria a 3ª de Secundaria no edificio politécnico-Facultade de Informática da Universidade de Vigo, no campus de Ourense.