En portadaÚltima hora

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visita a redacción do Periódico O Sil no Barco

Asegura que o SilFest Valdeorras é unha proposta "que encaixa co modelo turístico galego ao permitir, ademais, diversificar a oferta no interior de Galicia"

Manuel Pardo co equipo do Periódico O SIL, na redacción do Barco.

 

En menos de dúas semanas o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, visitaba en dúas ocasións O Barco. A finais de xuño achegábase ata a praia fluvial do Malecón para asistir á presentación do SilFest Valdeorras, o festival á beira do río que se celebra esta fin de semana. E na mañá do mércores 3 de xullo, volvía para reunirse co novo presidente de AEVA, Carlos Terán.

Aproveitando unha das visitas, Pardo achegábase ata a redacción do Periódico O SIL para falar da aposta da Xunta de Galicia “por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o SilFest”, di, incidindo que na provincia da Ourense, suma preto dunha vintena de eventos “para dinamizar o verán aproveitando época estival para atraer visitantes cunha interesante oferta cultural”.

 

O delegado da Xunta en Ourense durante a entrevista./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Que tipos de eventos se celebrarán este ano?

Hai eventos nos cales conxugamos música con enoturismo, gastronomía, artesasía,… unha oferta mixta coa que buscamos un turismo atractivo, sustentable, para quen veña desfrutar da beleza do entorno, da gastronomía e do viño, e ao mesmo tempo dun bo concerto que é o imán que serve de atractivo para encher cada recuncho da provincia. Neste ámbito se move o SilFest Valdeorras que comeza mañá pero tamén está o Espíritu Ribeiro. Dentro da programación temos concertos con artistas nacionais e internacionais de prestixio que tamén teñen ese efecto tractor, con estilos para todos os gustos. Desde The Potter Box, música de finais dos 80, Jethro Tull co seu rock progresivo, Los Secretos, Sés,… Tamén conxugamos diferentes entornos, O Ribeiro, Valdeorras, Celanova co Claustro do Mosteiro de San Salvador, Oseira,… aproveitando o potencial patrimonial. No que foron as festas de Ourense tamén se promocionou a Justin Quiles que tivo un tirón importante. Outro exemplo é Carlos Núñez que actuará o día 17 no Santuario das Ermidas (O Bolo). Son diferentes perfiles musicais para diferentes públicos poñendo en valor os atractivos de cada zona.

De que presuposto estamos falando?

Na provincia de Ourense contamos cun investimento de preto de 1 millón de euros con diferentes ofertas e esa finalidade de atraer xente.

Que outras iniciativas xorden con este fin?

Temos os trens turísticos, moitas das actuacións en colaboración coa Deputación provincial; e tamén os plans de sustentabilidade turística nos cales se potenciou o enoturismo; e as xornadas de portas abertas que foron un éxito tanto en Valdeorras coma no Ribeiro e Monterrei. É unha oferta variada para que o turismo sexa un atractivo que tire economicamente da provincia e ao mesmo tempo esa tracción tamén afecte ao sector primario (agrícultura e artesanal), nunha clara aposta por potenciar os valores e potencialidades da provincia.

 

Manuel Pardo na redacción do Periódico O Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Que opina do SilFest Valdeorras que comeza mañá?

Trátase dun certame multicultural que nestes anos foi quen de mover preto de 11.000 persoas e difundir moitos dos elementos que fan única esta comarca como a natureza, o enoturismo e o Camiño de Santiago. Unha proposta que encaixa co modelo turístico galego ao permitir, ademais, diversificar a oferta turística no interior de Galicia. É de agradecer a aposta da organización e animo a aproveitar esta celebración para coñecer a comarca, na que haberá música en directo, tanto popular como tradicional, mesturada con gastronomía que aposta pola promoción dos produtos da contorna, poñendo en valor as catas dos viños de Valdeorras e na que tamén se promoverá o patrimonio da man do Camiño de Inverno.

Leva case unha década de traxectoria o que demostra que este tipo de festivais funciona.

Si porque o que queremos é precisamente iso, abarcar diferentes formas de desfrutar dunha actividade musical. Temos concertos de masas como O Son do Camiño dirixido a xente máis xove que vai desfrutar da música e despois os festivais máis sosegados como o SilFest ou o Espíritu Ribeiro ao que poden vir familias con rapaces que teñen zona de xogos, nun entorno privilexiado, ao tempo que toman un viño ou mercan un produto artesanal ou alimentario de calidade. Partindo dos grupos de música que atraen xente de diferentes partes da xeografía, danse a coñecer os lugares nos que se desenvolve.

 

Back to top button