OurenseÚltima hora

Nace un novo espazo expositivo en Ourense que une saúde, arte e benestar

A clínica Dentalnova abre as súas portas á creación contemporánea coa mostra “Sabor a salitre”, de Paco Santomé, que poderá visitarse de balde ata outubro

 

A clínica Dentalnova estrea este xoves, 10 de xullo, unha nova liña de traballo que fusiona saúde, cultura e arquitectura. Farao coa inauguración dun espazo expositivo na súa sede de Ourense, cuxa programación arrinca coa mostra “Sabor a salitre”, do artista Paco Santomé, e que terá continuidade da man dunha cuidada selección de artistas galegos. A inauguración da exposición terá lugar ás 20.30h, na Clínica Dentalnova de Ourense -Rúa Concordia, 28-, coa presenza do artista.

A pintura de Paco Santomé nace dunha mirada limpa e sensorial herdada da infancia, onde a natureza e a curiosidade marcaban o ritmo dos días. Antes de ser coñecido como político comprometido coa xustiza social e coa defensa dos máis vulnerables, Santomé xa construía unha obra artística íntima, ligada á vangarda galega e á emoción directa. A súa traxectoria vital e pública confl úe na pintura como refuxio e forma de memoria, onde o mar, o silencio e a dignidade humana conviven nun lirismo sereno e cheo de sentido.

A exposición, que poderá visitarse de balde ata o mes de outubro, recolle unha selección de obras nas que a memoria persoal e colectiva toma forma a través da pintura. Os cadros de Santomé, cunha forte carga narrativa, abren xanelas a historias, paisaxes e emocións que falan do paso do tempo e da identidade.

“Queremos que Dentalnova sexa moito máis que unha clínica. Apostamos por humanizar o espazo e ofrecer unha experiencia diferente, onde tamén haxa lugar para a sensibilidade, a curiosidade e o encontro coa arte”, explica Antonio Justo, director da clínica. “Este proxecto nace do convencemento de que o benestar tamén pasa por rodearse de beleza e de cultura”.

A proposta de Dentalnova converte o seu espazo arquitectónico, moderno e luminoso, nun lugar expositivo accesible, que permitirá descubrir o traballo de diferentes artistas ao longo do ano.

 

Imaxes cedidas.

Back to top button