OurenseÚltima hora

Medio Rural realizará novas probas físicas para acceder ao servizo de Prevención de incendios forestais a partir do 21 de xullo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a listaxe de aspirantes que deberán realizar estas probas, correspondentes á cobertura que vén de resolver a Consellería de Facenda e Administración Pública o pasado xoves 3 de xullo

A Consellería do Medio Rural realizará novas probas para acceder ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Xunta de Galicia a partir do 21 de xullo. Estas probas, tanto físicas como visuais, organízanse neste momento tras finalizar o proceso de cobertura convocado pola Consellería de Facenda e Administración Pública para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario interino en diversas especialidades do SPIF, cuxa resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado xoves 3 de xullo.

Neste sentido, Medio Rural será a encargada de organizar e realizar estas probas ao persoal admitido e comunicará os resultados á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal. En consecuencia, no Diario Oficial de Galicia (DOG) publícase hoxe a listaxe de aspirantes que deberán realizar as probas físicas ou visuais para acceder ao SPIF. As prazas abranguen as catro provincias galegas e inclúen diversas especialidades do servizo, como bombeiro forestal, xefe de brigada, ou condutor de motobomba.

No caso dos aspirantes á especialidade de emisorista-vixilante fixo/a, deberán superar unha proba de agudeza visual lonxana en ambos ollos e de visión cromática, realizada cun dispositivo tipo Visiotest ou equivalente. E o resto do persoal deberá acreditar o resultado de apto/a nunha proba de esforzo físico denominada Field Test, que consiste en camiñar 3.200 metros sobre terreo chan cargando unha mochila de 11 kg, nun tempo máximo de 30 minutos. Quen non supere ou non realice as probas quedará en suspenso nas listas ata nova convocatoria.

As probas teñen unha validez dun ano dende a súa realización e deben estar vixentes no momento da contratación. Por tanto, non se poderá nomear como persoal funcionario interno a ningunha persoa que non acredite ter superado as probas físicas ou de agudeza visual vixentes con resultado de apta.

Para poder realizar a proba física, os aspirantes deberán presentar, no prazo de cinco días hábiles desde o día seguinte á publicación desta resolución, un certificado médico oficial que acredite que están en condicións de realizar unha proba de esforzo físico. Este certificado deberá ter unha antigüidade máxima de tres meses.

Estarán exentas de achegar este certificado médico aquelas persoas que xa foron convocadas e participaron na proba física no marco dos procesos selectivos de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, segundo se recolle na propia resolución. Así mesmo, estarán exentas de realizar as probas físicas e/ou visuais aquelas persoas que, no mes de marzo deste ano, superaron as ditas probas cun resultado de apto/a. A relación de persoas exentas pode consultarse na seguinte ligazón: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/areas-tematicas/prevencion-incendios.

Cómpre lembrar que estas esixencias responden á necesidade de garantir que todo o persoal que se incorpore ao SPIF conte coas capacidades físicas e sensoriais adecuadas para desempeñar con seguridade e eficacia as funcións de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250708/AnuncioG0426-040725-0001_gl.html

Back to top button