
Desconvócase a folga indefinida que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Viana do Bolo mantiñan dende o pasado 13 de xuño para pedir que se saque a concurso este servizo e se actualicen os seus prezos. Así o decidía o persoal nunha reunción celebrada despois do pleno do Concello de Viana no que resultaba aprobado o orzamento municipal, o que permitiría dotar ao servizo de partida económico e proceder á súa licitación.
“O vindeiro xoves volvemos ao traballo, desconvocamos a folga e tamén a concentración prevista para este mércores, pero, que quede moi moi claro que isto non remata aquí. Por agora, non hai nada feito, a licitación está sen sacar e sen asinar, entón esiximos que se saque, volvemos ao traballo porque esta era a desculpa que poñía o goberno do PP para sacar a concurso esa licitación. Agora xa non hai desculpa, os orzamentos están aprobados co cal, teñen que sacar esa licitación si ou si no maior breve praza posible. Se non a sacan, volveremos á folga, aquí ninguén baixou os brazos”, advirten as traballadoras.
Ademais engaden que continúan “igual de fortes e igual de unidas, ou se cabe máis, conseguimos o primeiro paso, ganamos a primeira batalla pero non a guerra, e iso son batallas libradas cada día”. As traballadoras do SAF din que lle dan “un voto de confianza ao Concello polos usuarios que entendemos que non poden estar agardando, cremos que non é bo para eles, porque teñen esas necesidades”
Así, o persoal volve ao traballo á espera de que “o día 17 de xullo, que está previsto un pleno ordinario, vaia nel a licitación e resulte aprobada, para que o saquen no máis breve tempo posible. E se iso non pasa, volveremos á folga, aquí pasos atrás, ningún”.