
As cores identifican un territorio e amosan a súa singularidade. Non só as da natureza e as da paisaxe, senón aquelas outras que non poden verse a simple vista. As extraídas de plantas, aburtos ou mesmo pedras e que, convertidas en pigmentos, cobran vida en lenzos ou papeis a través da arte. Nesa fascinante labor está embarcada dende hai un tempo a creadora Vanessa Rodríguez Bello.
“Trátase nun proceso no que sigo aprendendo obviamente, vou a cursos, falo con profesionais que xa se dedican a isto, xente que tingue la, tecidos… para intercambiar opinión, ideas, proxectos, etc.”, comenta esta vianesa, que tamén se sente barquense, tras vivir unha etapa da súa vida en Viloira.
Así, ao mesmo tempo que volcada na ilustración, leva a súa obra a mostras de artesanía e impartes interesantes e diferentes obradoiros para nenos e adultos, está a experimentar coas cores e cos resultados artísticos, nun proceso de exploración que, á vez, a conecta coa natureza e coas primeiras expresións artísticas coñecidas. Unha pequena mostra desa gran paleta de cores na que continúa a traballar está nas caixiñas que denomina “Terras” e que xa comercializa coa súa marca.
O proxecto segue moi vivo e o seu reto é intentar chegar a completar, nun futuro, a paleta de cores naturais de Viana do Bolo e Valdeorras.
¿Como definiría a súa traxectoria artística?
Sempre estiven moi ligada ao mundo da arte e, concretamente, ao da ilustración que é como unha pintura en miniatura e resulta máis popular que as obras en lenzos e murais. A ilustración resúltame moi diversa, nela tocamos todo tipo de paus: dende a fotografía ata a animación, a ilustración tradicional e a dixital, etc.
No meu caso téñome dedicado máis ao mundo da botánica, que é o que máis me atrae, pero tamén me interesan outras técnicas artísticas.
De feito nos seus últimos deseños pode verse unha clara influencia xaponesa…
Si porque, despois de vivir no Barco moito tempo, marchei para o Xapón e estiven alá máis de dez anos dedicándome a traballar e aprender as súas técnicas. Gústanme porque os xaponeses teñen unha forte influencia da natureza, gústalles moito vivir dacordo ás estacións e do xeito máis sostible posible, entón o que é a técnica da acuarela, a técnica das tintas, está moi desenvolvida alí e resulta moi distintivoa deles. Isto gustoume moito e decidín traelo aquí.
¿E como comeza a traballar na procura de pigmentos a partir de materiais da zona?
En realidade isto é unha continuidade de cando era nena. De pequenos todos xogamos coa terra e fixemos casteliños, casiñas, pontes, canles de auga… e a min encantábame o feito de que tamén ao manchar as mans podía tocar algún sitio que estivera limpo e, despois, alí poder deixar un trazo de cor. No fondo penso que hai máis dunha persoa que intentou escribir, aínda que só fose o seu propio nome, coa graxa cos dedos sucios, de maneira espontánea, ou nun cristal empañado ou mesmo cando estamos entretidos, garavateamos ao falar por teléfono, entón creo que todos temos ese pulso interior de por si.
E o feito de que se puidese facer este tipo de traballo en casa, de forma moi local, facendo excursións e paseando na contorna, mirando para as follas e flores, e vendo que cores podes obter delas, pois é algo que sempre estivo aí. O que pasa é que nos acostumamos moito a mercar os materiais, é moi sinxelo ir a unha tenda e coller o color e a paleta, e un papel que nos guste e un pincel, e xa está, seguimos traballando. Existe unha cultura de facer as cousas rápido e que non debería estar tan normalizada, fronte ao feito de poder desfrutar do proceso de elaboración das cousas dende o principio ou, polo menos, ter un certo coñecemento básico de como se fan, de onde proveñen as cousas e como se pode realizar de forma natural.
E así cheguei a isto, entón vendo a riqueza natural coa contamos nesta zona este xa era un paso, tamén moi importante e obvio neste proceso. Había que facer algo pola gran diversidade que temos.

¿De que se pode obter pigmento para pintar?
En realidade, de case calquera cousa que teña un certo color, incluso o que é puramente branco se usa para base ou para traballar en superficies escuras. Pódense obter cores de pedras, de minerais, de plantas e de flores e ata de animais, ou de forma química, activando esas cores mediante reaccións químicas.
Por exemplo, eu teño unha especie de pequeno xardín botánico en casa, do que extraio as cores das plantas e, ao mesmo tempo, nos meus paseos polo monte, vou recollendo algúns pequenos minerais que me parecen interesantes para ver ata onde se pode obter unha cor con eles, intentando facer este tipo de recurso.
O último paso que din foi madurar cores metálicos en xarras, teño unha especie de enfermaría onde están os cores desenvolvéndose de forma natural reaccionando a outros compoñentes químicos. Por exemplo, o cobre reacciona ao vinagre, transformándose nunha cor moi bonita azul, mentres que o ferro de por si enferrúxase tendo esa cor laranxa, amarelo, vermello… Estes experimentos lévame moito a facer este tipo de cousas.
Un resultado dese traballo son as caxiñas de pigmentos “Terras”…
Os ingredientes están na caixa, levan soamente resinas, que son totalmente orgánicas e goma arábiga, un arbusto que exuda unha resina, e un pouco de auga, e moita paciente. A partir de aí conseguín unha especie de pastiña, unha crema que se pode ir secando, solidificando na forma que ti queiras e así temos a parte máis básica dun pigmento ao que lle engadimos esta resina para convertela en acuarela.
Ademais con este po base podemos abrirnos a calquera outra técnica pictórica. Simplemente engadindo aceite de liñaza poderíamos ter un óleo para poder pintar, se lle engadimos cera de abella e lle damos a forma debida, teríamos unhas ceras como as que usan os nenos para pintar. E se lle poñemos xema de ovo, obtemos a pintura que usaba Leonardo Davinci, o temple, entón con isto creo que é un mundo novo e encántame falar del. De feito, esta fin de semana vou impartir un obradoiro desta técnica no Mercado Medieval de Tremiñá.

Este enfoque supón unha volta ás orixe, á conexión coa terra, seguir o ciclo da natureza para convertela en arte…
Exacto isto trátase dun ciclo tan cal, de completar o círculo porque é un produto que está rematado e que se pode voltar á natureza sen ningún problema. É totalmente orgánico, totalmente ecolóxico, con impacto mínimo, non é tóxico nin para a vida animal nin vexetal, polo que resulta moi sostible.
Despois de andar polo mundo, volveu á súa terra natal, ¿pódese facer arte dende o rural nun mundo como o actual?
Pódese e débese. O rural é un centro de inspiración constante, calquera recuncho é unha postal, e non soamente Viana, senón toda esta parte da provincia de Ourense, é un pulmón moi verde que temos en Galicia. Este entorno rural é moi privilexiado e os que vivimos aquí somos moi afortunados de poder desfrutalo a diario e de estar rodeados de todos estes recursos. Creo que, se potenciamos un pouquiño máis os nosos recursos, creo que pode haber moita expectación no resto do mundo.
Fotos e texto: A.R.