De “espectacular” cualifican os membros de Huellas de Cabrera a ruta que realizaban na pasada fin de semana polo entorno do Lago Truchillas e polo Pico Vizcodillo, na comarca leonesa que dá nome a esta asociación.
Os andaríns iniciaban o percorrido o domngo 6 de xullo na beira dunha estrada, nun aparcamento, dende o que collían unha pista ancha duns 3 quilómetros, que discorría entre biduerais e na que cruzaban catro ponte de madeira para sortear o curso do río Lago.

Despois cambiaban a pista por un fermoso vieiro que os conducía directamente ao Lago Truchillas e, no decurso da cal, ían notando como medraba o desnivel. Tras 5,5 quilómetros chegaba ata este lago glaciar, situado a 1.775 m de altitude e dun gran tamaño. Alí, os camiñantes descansaban e, despois, continuaban por unha pendente duns 2 km ata o Pico Vizcodillo. “A senda está moi ben marcada para ir crestando, pero ao chegar aos últimos 50 m é xa un pedregal. Dende ese pico poden verse os Aquilianos, Zamora e mesmo, tal e como nos indicaba un mozo que nos acompañaba, vislúmbrase Portugal”, explican dende a asociación.
Unha vez no cume, facían a xa clásica foto de grupo, e seguían a marcha en dirección á Lagoa Malicioso, que se atopa a 1.860 m. “É unha lagoa preciosa que te deixa sen palabras”, din os participantes na ruta.
Nela, os máis valentes, decidían darse un baño, e, despois o grupo xantaba á súa beira e, tras un breve descanso, retomaban o percorrido baixando por unha senda ben definidida e, logo, collendo outra que os levaba xustamente á estrada onde comezaban a marcha.
Fotos cedidas.
