OurenseÚltima hora

O Colectivo Rebulir, de Ourense, representará a Galicia no Folk Azores 2025

 

O Colectivo Rebulir participará entre os días 8 e 18 de agosto no prestixioso Folk Azores, o maior festival de folclore de Europa neste ano, que terá lugar na illa Terceira (Azores, Portugal), concretamente na cidade de Angra do Heroísmo, Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO.

O evento, que contará coa presenza de 18 compañías internacionais procedentes de catro continentes, converterase nun espazo de encontro e diálogo entre culturas a través da música, a danza e a tradición. O Folk Azores non só é un dos eventos culturais de maior envergadura en Europa no ámbito do folclore, senón que foi recoñecido en múltiples ocasións polo CIOFF (Consello Internacional de Organizacións de Festivais de Folclore e das Artes Tradicionais) como o mellor festival do mundo, grazas á súa organización impecable, á calidade dos grupos convidados e ao seu compromiso coa difusión e dignificación das expresións culturais tradicionais.

 

 

Tras presentar a súa candidatura en varias ocasións, Rebulir logra este ano ser seleccionado, un feito que confirma o seu nivel artístico, o rigor etnográfico das súas propostas e a súa capacidade de representación internacional. A súa participación no Folk Azores súmase a outros grandes fitos do colectivo, como a presenza no Festival Intercéltico de Lorient en 2024, considerado o máis relevante do ámbito celta a nivel global ou os Premios Prado Lameiro (2018) e Rodolfo Prada (2019).

Nesta ocasión, unha delegación de 35 persoas -composta por bailaríns/as, músicos e equipo técnico- será a encargada de levar a esencia da cultura galega aos Azores, amosando un repertorio coidadosamente traballado que combina fidelidade á tradición, innovación escénica e unha posta en escena de alta calidade.

Esta participación é posible grazas ao esforzo autofinanciado do propio colectivo, que sufraga os custos desta viaxe a través da súa intensa actividade anual: organización de eventos culturais, realización de actuacións por todo o país, e venda de merchandising. Todo isto responde a un modelo sustentable e independente que lles permite manter viva a súa actividade con liberdade e compromiso social.

 

 

Neste 2025, Rebulir celebra 20 anos de traxectoria, consolidándose como unha das entidades culturais máis activas e recoñecidas do panorama galego, cunha ampla oferta artística, educativa e de investigación arredor da cultura tradicional. O colectivo, con sede en Ramirás (Ourense), non só se dedica á interpretación escénica, senón que desenvolve proxectos pedagóxicos, de recuperación patrimonial e formación especializada, situándose como referente en Galicia no ámbito da cultura popular.

A participación en festivais internacionais como o Folk Azores non é só un recoñecemento ao seu labor, senón tamén unha oportunidade de proxección para Galicia, que estará representada con dignidade, orgullo e excelencia artística grazas ao traballo constante, voluntario e profesional de Rebulir.

Back to top button