ConcellosO BarcoÚltima hora

O grupo de goberno socialista do Barco aproba en solitario un orzamento de 11,6M€ para o 2025

Tanto os concelleiros do PP como os do BNG votaban en contra deste punto no pleno extraordinario desta tarde

 

A Corporación local do Barco celebraba na tarde deste 10 de xullo un pleno extraordinario cuxo único punto na orde do día era a aprobación do orzamento municipal do 2025, que ascende a 11,6 millóns de euros, o que supón un 9% máis que o do 2024, tal e como sinalaba o voceiro municipal do partido socialista, Aurentino Alonso, quen na súa intervención recoñecía que os orzamentos “chegan con certo retraso” e aseguraba que “máis alá das cifras, estes orzamentos xurden cunha vontade clara: seguir construíndo un Barco sólido, comprometido e adicado a resolver ás necesidades reais da cidadanía”.

En primeiro lugar, Aurentino Alonso destacaba que se trata “dun orzamento prudente, redactado con criterios técnicos e con datos contrastados”. Ademais facía un percorrido polos principais capítulos do mesmo, comezando polo do persoal, dotado con 5.753.353,21 euros. “O piar fundamental da vida municipal é o dos gastos de persoal, que medra nun 7,2%, é dicir, nuns 376.000 euros máis que no 2024”. Tamén se refería ao capítulo de gasto social, con 1,5 millóns de euros e sinalaba que “outro piar importante destes orzamentos é o impulso ao turismo, á cultura, ao deporte e ao comercio local”. E, neste senso, engadía que os orzamentos do 2025 “mesmo amplían as partidas” dedicadas a eses eidos.

 

 

Finalmente comentaba a partida de investimento público, cun “invetimento real propio de máis de 1,6 millóns de euros, aos que hai que engadir as achegas doutras administracións que suman 1.090.000 euros”. Alonso concluía engadindo que no montante total do orzamento tamén ten un peso específico o gasto corrente en bens e servizos con 4.920.027,38 euros, “que é o gasto diario”.

Porén esta exposición non convencía á oposición que, nas súas intervencións expresaba o seu rexeitamento ao orzamento presentado polo grupo de goberno socialista. Así o voceiro municipal do BNG, Manuel Agra, que comezaban pedindo máis tempo para “poder analizar ben toda a documentación”, e logo continuaba dicindo que “presentar mocións no pleno é a maneira de colaborar, de amosarlle á cidadanía o concello que queremos, de facer política, que temos os grupos da oposición”. Nese senso, lembraba iniciativas levadas ao pleno polo BNG como a creación dunha Casa da Mocidade (o 12 de decembro de 2024), o mantemento da área creativa do Salgueiral (8 de maio) ou unha serie de recomendacións tecnolóxicas (5 de setembro de 2024), entre outras.  “Todas estas estas mocións -unha maneira de como nós viamos Barco- foron rexeitadas, polo tanto, esa maneira de ver o Barco non pode aparecer reflectida nos orzamentos”, dicía o edil nacionalista.

 

 

Agra engadía que “o informe de Intervención é desfavorable, sinala que o compromiso de gasto vinculado a subvencións non adquire firmeza, que o incremento de retribucións previsto incumpre a LOXE, que se debería fomentar o réxime de concorrencia competitiva e non a concesión directa no caso das subvencións”.

Dende o grupo municipal do PP tampouco se respaldaba o orzamento, cuxo voceiro, Antonio Melo, cualificaba de “escaso” e apuntaba que o grupo de goberno “usa o remanente de tesourería á demanda. Ademais afirmaba que “non se está facendo unha boa xestión, as obras non se executan en tempo e forma. Vemos e dinnos a xente que temos a vila moi sucia, entón hai que poñerse as pilas. Hai que face arranxos, temos rúas desconchadas e beirarrúas en mal estado, nas que a xente cae e pode romper un brazo ou unha perna e iso temos que evitalo”. Tamén incidía na situación de inseguridade cidadá na vila, “segundo os ratios europeos no Barco faltarían policías locais e a iso habería que darlle unha volta, se fan falta máis policías, haberá que telos”. E concluía citando os informes de intervención, que son “desfavorables, por iso non podemos sumarnos e aprobar estes orzamentos”.

 

 

No seu turno de resposta, o voceiro socialista, Aurentino Alonso, contestáballe ao BNG que si se tiñan en conta as súas propostas e, ao edil popular, dicíalle que nos orzamentos figuran partidas para realizar diferentes obras e melloras e que si se está facendo un mantemento no concello.

 

 

Despois diso, interviña o alcalde, Alfredo García, quen insistía en que as mocións e propostas do BNG si se están tendo en conta por parte do grupo de goberno. Neste senso, pedía a palabra outra das edís nacionalista, Noa Fernández, quen respondía que “o grupo municipal do BNG non pon en dúbida que vostedes non teñan en conta a súa boa fe de cara a levar adiante algunha destas propostas, pero materialmente, fisicamente nestes orzamentos iso non se reflicte. Dicía o voceiro socialista que aprobar estes orzamentos significa dicirlle á veciñanza que seguirán traballando por eles. Pois eu digo o contrario, eu digo que votar en contra destes orzamentos significa loitar por aquelas cuestións, moitas delas presentadas por este grupo do BNG e que demanda a diario a veciñanza do Barco”.

Na votación os 9 edís socialistas votaban a favor, mentres que tanto o PP (5 concelleiros) como o BNG (3), en contra.

Fotos: A.R.

Back to top button