Cúmprese o acordo de relevo pactado no partido socialista valdeorrés ao comezo deste mandato 2023/2027 para ocupar o posto de deputado por Valdeorras que lle correspondía a esta formación política na Deputación de Ourense. Así o concelleiro barquense Aurentino Alonso, que asumira o cargo de deputado por Valdeorras ao comezo do mandato, vén de presentar a súa renuncia para que, no pleno de setembro, este pase a estar ocupado pola edil vilamartinesa Sherezade Núñez. Así o anunciaban ambos nunha rolda de prensa celebrada esta mañá na sede do PSdeG-PSOE no Barco.
Na súa intervención Alonso facía balance do labor desenvolvido ao longo dos seis anos que estivo na Deputación provincial, dende o 2019 (en dúas lexislaturas). “Quero agradecer a todos os compañeiros da comarca que depositaran a súa confianza en min para realizar ese traballo de deputado provincial durante este tempo e tamén aos compañeiros de Ourense, que foi unha honra e tivemos unha relación moi estreita entre todos. Eu marcha coa gran satisfacción de ter feito un traballo importante e de ter contribuído a acadar un mellor e máis xusto financiamento dos concellos desta provincia, que era un dos motivos principais do noso traballo alí, que os concellos tiveran a atención que se merecen por parte da Deputación, pero todos en igualdade de condicións, de xeito equitativo. E conseguimos que ese financiamento sexa hoxe bastante xusto en base a uns criterios que no seu día se marcaron pola Fegamp e aquí foron adoptados pola Deputación”.
E nese senso, botaba man dos datos indicando que “dende outubro do 2023 ata a abril do 2025 houbo dos plans CooperOU, e con modifcacións orzamentarias, estamos falando de 8,6 millóns de euros para o oriente ourensán que se recibiron grazas a que o PSdeG nos orzamentos do 2023 foi capaz de negociar do grupo de goberno da Deputación e chegar a un acordo para sacar adiante aqueles orzamentos con aquel plan CooperOU ata aquel momento os distintos concellos estaban recibindo linealmente 48.000 euros cada concello, e logo dependía da vontade do presidente de turno, se lles daba máis ou lles daba menos. E iso non era unha redistribución equitativa e nisto non estaba metida a cidade”.
Aurentino Alonso sinalaba así mesmo que esta responsabilidade permitiulle coñecer a provincia dende un punto de vista máis profundo e coñecer a realidade de cada concello e tamén expresaba o seu agradecemento a presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacando a súa “boa predisposición e o seu talante negociador”.
A partir de aí facía un repaso das diferentes mocións e iniciativas que levou ao pleno provincial na súa traxectoria nel, entre elas, citaba a reconstrución da Ponte de Barxa (O Bolo), a reforma da estrada de San Agostiño (Viana do Bolo), das estradas de San Vicente (Vilamartín), de Trives-Chandrexa de Queixa, de Trives-Vilariño de Conso-Viana do Bolo, as propostas relativas á Estación de Montaña de Manzaneda, a do Día das Letras Galegas para Florencio Delgado Gurriarán, as relacionadas coa sanidade, as da mina de Penouta (Viana do Bolo), a reforma da estrada OU-533 ou as mocións relacionadas coa silicose en Valdeorras, a última delas pedindo un neumólogo para o Hospital de Valdeorras.
Á súa beira, Sherezade Núñez adiantaba que colle o relevo como deputada provincial agradecendo o labor previo de Aurentino Alonso, “para min é un orgullo agarrar o seu testigo e penso que a liña na que se viña traballando o partido, así como todos os compañeiros é a liña correcta e esa é na que imos a seguir e na que imos a traballar. Por suposto collerei todo o que está pendente, buscaremos solucións”.

Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.