
A Asociación Provincial de Autoescuelas de Ourense informa de que, por primeira vez, a Xefatura Provincial de Tráfico manterá activo o calendario de exames teóricos e prácticos durante todo o verán, sen declarar ningunha semana inhábil nos meses de xullo e agosto. Isto tamén sucederá na comarca de Valdeorras, onde vai haber exames neses dous meses.
“Esta medida”, destaca esta entidade, “converte a Ourense nun referente autonómico e nacional, facilitando que quen desexe obter o seu permiso de conducir poidan facelo sen listas de espera nin demoras, mesmo en pleno período vacacional. Tanto na capital como na comarca de Valdeorras —onde se realizan exames cada dúas semanas— os aspirantes poderán presentarse ás probas con total normalidade”.
Desde a Asociación tamén subliñan que “Ourense ofrece unha oportunidade única para os futuros condutores. Non só mantense o servizo, senón que se fai cunha axilidade e organización que contrasta cos atrasos doutras provincias, que poden chegar ata os cinco meses”.
Este escenario favorable, matizan é posible grazas a varios factores:
“Dotación suficiente de examinadores e profesores de autoescola, grazas á incorporación de novos docentes formados en ciclos de FP Dual.
Coordinación eficaz coa Dirección Xeral de Tráfico, que permite a presentación continua de alumnos mediante unha aplicación que asigna prazas segundo rendemento.
Bo ritmo de convocatorias, tanto na sede de Ourense (onde hai exames a diario) como no centro de Valdeorras”.
A asociación tamén se apoia nos datos. Entre xaneiro e xuño de 2025 realizáronse na provincia:
2.418 probas teóricas
797 probas en circuíto pechado
3.208 probas de circulación en vías abertas
Ademais, expedíronse 1.907 permisos, cifra que continúa crecendo durante a campaña de verán.
A porcentaxe de aprobados mantense en cifras similares a anos anteriores:
Teórico: 56 %
Pista: 45 %
Circulación: 41 %
Finalmente, dende esta asociación faise un chamamento “aos mozos e á cidadanía en xeral para que aproveiten esta xanela de oportunidade para sacarse o carné, especialmente nunha contorna como a ourensá, onde a dispersión territorial fai que contar cun permiso de condución supoña unha mellora clara en autonomía e empregabilidade”.