
Continúa a persoal peregrinaxe pictórica de Lola Doporto (Millarouso, O Barco) pola arte do Mestre Mateo, polo Románico e polo Camiño de Santiago, que se iniciaba coa exposición “Morriña de Estrelas” no 2022 na Casa de Galicia en Madrid e que logo proseguía con novas mostras en lugares como o Pazo dos Mendoza en Pontevedra ou o Pazo dos Oca Sarmiento, no Liceo de Ourense.
Ese percorrido continúa despois, aos poucos polo Mosteiro de San Rosendo (Celanova) e O Barco. E dende alí, seguindo o Camiño de Inverno. Enfía cara Compostela. Así esta artista valdeorresa dá un paso máis e presenta en Santiago de Compostela “Camiño”, un proxecto expositivo de 25 cadros (con obras inéditas con pigmentos venecianos) e dos seus singulares manequíes, con esa mesma inquedanza, que se inaugurará o vindeiro xoves, 19 de xullo, ás 21h. no Mosteiro de San Martín Pinario.
Nese “Camiño” como experiencia e aprendizaxe pola temática do Mestre Mateo e do propio Camiño das Estrelas, Doporto vai incorporando óleos nas que amosa a súa especial querencia polos paxaros, como os que poden verse no cadro do Arcebispo Xelmírez ou outras nas que recupera da memoria a figuras da tradición popular como as pulpeiras de Arcos (O Carballiño) ou os gaiteiros Faustino e Elisa (de Bendilló).
“Vellas compañeiras de Lola Doporto, as marionetas do seu inicio, tamén quixeron vir ver ao Apóstolo e aí están, admiradas de tanta grandeza. Un grupiño delas foron ver traballar o botafumeiro e parécelles que o tiraboleiro é un coma elas”, tal e como conta da descrición dos cadros J.A. Porto, no díptico da mostra, que poderá visitarse ata o vindeiro 17 de setembro.
