O proxecto “La formación como herramienta para la lucha contra la despoblación: Escuela de Pastores”, presentado pola Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), ao programa de Acción social no ámbito rural de Fundación La Caixa, resultou seleccionado de entre os máis de 300 presentados.
Trátase dunha proposta formativa específica en gandería extensiva e máis centrada na produción con ovellas e cabras. Terá un carácter principalmente práctico e levarase a cabo implicando o 19 concellos do sur ourensán, dende Xinzo de Limia ata Viana do Bolo.
A pasada semana tivo lugar a presentación de todos os proxectos seleccionados a nivel estatal, na sede de Fundación La Caixa en Madrid e ó mesmo tempo comezaron as accións da primeira fase coas roldas de presentación desta iniciativa ás distintas entidades implicadas no territorio.
“O plan de acción ten como obxectivo a fixación de poboación no rural a través da formación en gandería extensiva, da que poidan xurdir iniciativas para que os espazos sexan de novo ocupados polo gando mantendo a paisaxe e axudando á loita contra os incendios”, adiantan dende Ovica.
Para isto seleccionouse a zona de acción que comprende os concellos de A Gudiña, A Mezquita, Baltar, Castrelo do Val, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Os Blancos, Riós, Sarreaus, Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia, cos que se están a levar a cabo as primeiras reunións para concretar os pormenores do proxecto.
Ademáis dos concellos haberá participación doutros organismos coma a Deputación de Ourense e os GDR locais, e ó atoparse na primeira fase está aberto á participación doutras entidades relevantes do sector e o territorio.
Fotos cedidas.