EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Showcookings, catas e xogos infantís, actividades paralelas á XVIII Feira do Viño de Monterrei

 

Un intenso programa de actividades, aptas para todas as idades, terán lugar durante as xornadas da XVIII Feira do Viño de Monterrei, co obxecto de converter a este evento nunha cita ineludible. Ademais do apartado musical previsto, tamén está contemplada a realización de catas comentadas e showcookings, para o público adulto, así como de xogos populares para a cativada.

A primeira delas será ‘Monterrei, sorbos de historia e tendencia’, con Juanjo Figueroa, presidente de a Asociación Galega de Catadores (AGASU) e imaxe da campaña promocional da D.O. Monterrei “Non lle deas máis voltas”. Está programada para o sábado 9 de agosto, ás 13 horas,  e realizará un percorrido polas variedades, clima e chans do territorio vitivinícola, acompañado dunha experiencia musical. Ese mesmo día, pero xa ás 20.00 horas, organizarase a actividade ‘Come, bebe e aprende do mellor xeito’ a cargo de Begoña Vázquez (Premio mellor cociñeiro galego 2024), Miguel López (director técnico do C.R.D.O. Monterrei) e José Manuel Salgado (profesor do CMUS Verín).

Durante a mesma mostrarase a gran versatilidade de viños de Monterrei, así como a riqueza gastronómica da zona, a través dunha maridaxe con produtos locais selectos. Todo iso armonizado por un pequeno concerto acústico de guitarra.

Na xornada do domingo, ás 13 horas, terá lugar a cata maridada con produtos de “Experiencias de Calidade de Galicia”, presentada como ‘Monterrei: Frescura Atlántica, Carácter Continental’, da man de Martín Touceda (responsable da empresa familiar Cien por Cel) e Juliana Picarelli (catador do Restaurante Maruja Limón 1 estrela Michelin e 2 soles Repsol). Esta iniciativa permitirá descubrir o potencial da denominación xunto diferentes elaboracións de porco celta.

Para participar nalgunha destas tres actividades será necesario formalizar a inscrición no correo electrónico info@domonterrei.com, así como abonar 10 euros de cota de participación. As prazas son limitadas e por rigorosa orde de inscrición. As mesmas realizaranse no espazo de showcooking situado no parque da Alameda.

Doutra banda, e xa para o público infantil, durante as xornadas do 9 e 10 de agosto, o interior da Alameda tamén servirá de escenario para a realización de xogos populares como 3 en raia, tangram ou ra, entre outros. Será entre as 20 e 22 horas, na zona sur do parque, e non é necesaria a inscrición previa.

Back to top button