EconomíaEconomíaÚltima hora

Roberto Verino recibe o Premio de Honra da Academia da Moda Española

 

A firma ourensá Roberto Verino expresa o seu “máis profundo agradecemento á Academia da Moda Española por conceder o Premio de Honra ao seu fundador, Roberto Verino, na segunda edición dos Premios FAME”, pois este galardón celebra “non só unha traxectoria profesional exemplar, senón unha maneira coherente de vivir e entender a moda desde o compromiso, a ética e a conexión coas persoas”, destacan.

Durante a entrega de premios o propio Verino aseguraba que “recibir este premio emocióname profundamente. Síntome honrado, pero sobre todo agradecido. Agradecido por poder seguir facendo o que me apaixona despois de tantos anos e por sentir que este traballo, feito con alma e dedicación, calou en tantas persoas”.

Con máis de catro décadas de percorrido, Roberto Verino foi un dos grandes impulsores do sector, tanto a nivel creativo como institucional. Fundador da antiga Pasarela Cibeles e membro fundador da Asociación de Creadores de Moda de España (ACME), acompañou desde dentro os grandes fitos da industria nacional. En activo desde 1982 á fronte da súa firma, a súa proposta consolidouse como sinónimo de elegancia atemporal e deseño emocional. “Defendín sempre unha moda con valores, que perdure no tempo e non se renda ás présas. Este recoñecemento síntoo tamén como unha homenaxe aos oficios, aos artesáns, a todos os que traballaron ao meu lado crendo nesta forma de facer as cousas con alma”, engade.

 

 

A defensa dos chamados “armarios emocionais”, coleccións que contan historias e permanecen connosco no tempo, xunto coa súa aposta constante polo traballo ben feito e o respecto á muller, definiron un estilo propio. Un dos seus grandes símbolos é o “traxe Verino”, convertido nos anos 80 nunha icona do empoderamento feminino. “Desde o principio, quixen deseñar para unha muller forte, libre e valente. O ‘traxe Verino’ naceu dese desexo de vestirse sen pedir permiso para ocupar o lugar que merecía. Que hoxe se recoñeza esa intención éncheme de emoción”, sinalou o deseñador.

Este Premio de Honra súmase a unha longa lista de recoñecementos, entre os que destacan a Agulla de Ouro (1992), a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2008) ou o seu ingreso como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes. Para o deseñador galego, este premio ten un valor especial por vir de quen forma parte activa da industria que tanto defendeu. “Grazas á Academia da Moda Española por este premio que recibo con ilusión e que me fai mirar cara atrás con orgullo e cara a adiante con máis ganas que nunca”, concluíu.

 

 

Fotos da alfombra vermella: Roberto Verino.

Back to top button