
A terraza do Hotel Restaurante Las Vegas de San Clodio, en Ribas de Sil, comezaba a súa programación musical de verán o sábado 12 de xullo coa actuación de Movilla & Los Irrepetibles en sesión vermú, e do dúo Biversión pola noite.
Para este sábado 19 a partir das 23 horas, conta coa actuación de Mikel Edroso, un músico de traxectoria dilatada que pasou por míticas bandas de Barcelona tocando diferentes estilos: rock, jazz, funky… Ultimamente co grupo Medianoche cos que estivo o pasado ano actuando precisamente en Las Vegas. Músico de estudio, estivo en escolas de Jazz en Barcelona e pode dicir que, entre outros músicos relevantes cos que tocou, está Serrat.

A seguinte cita será o 26 de xullo con ‘Carta de Ajuste’, formación que levará ao escenario o seu espectáculo O mellor e o peor dos 80 e 90 en concerto, unha proposta moi festeira de versións pop e rock aderezadas con moito humor.
Todas os concertos son de balde na ampla e arborada terraza coñecida tradicionalmente como ‘A Pista’ polo seu pasado no que foi un coñecido lugar de encontro dos amantes do baile nas fins de semana, principalmente os domingos.