
Esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago, tiña lugar a presentación das bases do XIII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un galardón impulsado pola Xunta de Galicia, a Asociación Outono Fotográfico e a Deputación de Lugo co obxectivo de promover novas creacións nesta disciplina.
No acto, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, sinalaba que o certame “constitúe unha plataforma na que poder empregar as linguaxes fotográficas actuais para dar a coñecer o traballo dos artistas e achegalos á sociedade”. Neste senso, puxo en valor este tipo de iniciativas que promoven a difusión das artes e que ofrece visibilidade a todo tipo de creadores.
O certame está dotado con dous premios aos que optan todas as propostas presentadas, un por parte do xurado e outro da organización. No primeiro dos casos, o recoñecemento consiste na edición dun libro e na produción dunha exposición temporal que se inaugurará en Lugo e que itinerará durante dous anos. Ademais, o galardón por parte dos organizadores recolle a publicación e edición dun caderno que formaría parte da serie Premio Galicia de Fotografía Contemporánea e a produción dunha exposición que estará desde novembro do 2026 ata xaneiro do 2027 na Sala Alterarte do campus de Ourense da Universidade de Vigo. Así, tal e como sinalou o director xeral de Cultura, os premios reforzan a visibilidade do proxecto xa que as exposicións que se foron realizando no marco desta iniciativa xa percorreron diversos puntos tanto de Galicia como do resto da Península Ibérica.

As persoas interesadas en participar poderán presentar a súa solicitude entre o 24 de xullo e ata o 22 de setembro deste ano 2025. Só se poderán enviar proxectos realizados entre setembro do ano 2015 e setembro do 2025, que non foran subvencionados ou recibisen unha bolsa na súa totalidade anteriormente noutro certame e que non estivesen editados na súa totalidade en calquera soporte. Respecto do tema e mais da técnica serán de libre elección e terán absoluta liberdade.