
O portavoz do grupo do PP no Parlamento galego, Alberto Pazos, demandaba hoxe na Gudiña que o Goberno central “rectifique a súa decisión de eliminar frecuencias e horarios das paradas do AVE na estación Porta de Galicia”, de xeito que “volva ser unha estación de portas abertas e os veciños destas comarcas gocen dos servizos de transporte que se merecen”. Os deputados populares mantiveron posteriormente un encontro con representantes da Plataforma Dereito ao Tren, con quen analizaron a situación actual dos servizos ferroviarios e escoitaron as súas propostas e actuación.
Nun acto celebrado ás portas da estación do AVE da Gudiña, xunto coa secretaria xeral do PPdeG, deputados desta formación política pola provincia de Ourense, alcaldes e voceiros das comarcas afectadas, Alberto Pazos considerou “inxusta” a decisión adoptada polo Goberno central de suprimir horarios e frecuencias dos trens AVE nesta estación, “que está levando a unha serie de consecuencias graves para os veciños destas comarcas”.
En referencia á resposta dada esta semana polo Ministerio de Transportes a unha pregunta formulada polo deputado popular Celso Delgado, Alberto Pazos sinalou que “non se trata de ganadores nin perdedores con esta decisión de suprimir frecuencias e horarios na Gudiña, porque non cremos que o futuro dunha comarca se poida valorar en termos máis dunha tómbola que dun goberno, polo que pedimos que o Goberno que se reconsidere a decisión para que os veciños desta comarca non perdan”.

Dicía tamén que “Ourense e o seu interior teñen futuro e o único que precisan son decisións que apoien á súa xente para que facilitarlles que poidan seguir vivindo aquí”. Por este motivo, demandou ao Goberno de España “sensibilidade, xustiza e que se atendan as xustas reivindicacións de persoas que o único que queren é que os seus fillos poidan desenvolver o seu futuro no lugar onde naceron”.
Deste xeito, avanzou que “tanto o PPdeG como o Grupo Parlamentario vai adoptar todas as decisións que sexan necesarias ata que esta situación se reverta e volvamos ter os horarios e as frecuencias que se merecen estas comarcas”.
Pola súa banda, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, avogou por “frear este atropelo á provincia de Ourense, unha provincia que loita por asentar a súa poboación no rural”.
Pola súa banda, o deputado de Verín, Víctor Baladrón, lembrou que máis de 52.000 usuarios pasaron pola estación da Gudiña o pasado ano, polo que lamentou que “tiñamos unha estación viva e pasou a ser unha estación morta”.