Dúas semanas despois da exitosa IV edición do SilFest Valdeorras á beira do río, o municipio do Barco de Valdeorras acollía un novo festival, desta volta centrado na música rock, con moita banda local, e na veciña localidade de Viloira.


Na explanada detrás da Casa Grande, celebrábase nesta fin de semana a I edición do Birra e Rock Fest, organizado pola Asociación de Veciños de Viloira coa colaboración de AMAVA e Mahou, que contaban música en directo, comida e tamén bebida.


Na noite do venres 18 de xullo, subíanse ao escenario Green Angels (A Rúa), The Lelli Kelly’s e Fuss (Moaña), pechando a primeira xornada Amadeo Dj. E xa o sábado día 19 era a quenda dos grupos locais.

A mediodía había sesión vermú con Martiño; e pola noite os concertos de El Patio de Leni coas súas particulares versións, Mrs. Fine e Navegando a Barlovento, ámbalas dúas bandas de potente rock, a primeira de recente creación e a segunda cunha longa traxectoria e varios discos ás costas. A discomóvil Opium e Dj Isra poñía o broche xa de madrugada.

Unha nova proposta para a mocidade e os amantes do rock que se suma ao calendario de festivais en Valdeorras.



Fotos: Carlos G. Hervella.