En menos dun ano a Orquestra La Ocaband traía tres espectáculos musicais á Rúa. No verán de 2024 presentaba ‘Camiñantes e Cantantes’ na praza da Estación, hai un par de meses ‘Unha noite na eira do trigo’ no Centro Cultural Avenida e onte ‘A Historia da Verbena’, tamén na praza da Estación.




Na noite do domingo 20 de xullo, o público asistía a un musical moi especial que nacía co principal obxectivo de “facer un chamemento de alertas todas as comisións, xente das verbenas e todos os seguidores das verbenas populares galegas ante o decaemento das festas populares nos últimos tempos”, aseguran dende La Ocaband que tamén pretende “poñer en valor a calidade artística das orquestras galegas, que cada ano seguen apostando por un modelo de traballo único en todo o mundo”.




Así, durante unhas dúas horas, da man de Pepo Suevos e coa canción De noite soñei como fío condutor, La Ocaband fixo un completo percorrido polas cancións que marcaron as festas e verbenas galegas ao longo dos anos contando coa colaboración de compoñentes de máis de 50 orquestras, presentes a través da pantalla, para conseguir “un escenario de irmandade inesquecible”.
Malia as baixas temperaturas da noite, o público desfrutou desta bonita festa.







Fotos: Carlos G. Hervella.