
O Consello da Xunta celebrado este luns vén de autorizar o acordo de colaboración entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Rubiá para o acondicionamento da rúa Terra do Souto e de espazos públicos nesta contorna, que suporá un investimento que rolda os 280.509€.
“O ámbito de intervención localízase na rúa Terra do Souto, na parroquia de Santa Mariña de Rubiá, na contorna de edificios públicos como o colexio público Virxe do Camiño, o pavillón polideportivo, un parque infantil, as edificacións municipais destinadas a almacén e as dúas antigas vivendas dos mestres agora rehabilitadas como vivendas municipais. O Goberno galego financiará estes traballos coa achega do 70 % do orzamento, é dicir, case 197.000 €, e o Concello de Rubiá achegará o investimento restante, que rolda os 84.000 €”, tal e como informa a Xunta.
O obxectivo desta intervención é, segundo a administración galega, “actuar en zonas que se utilizan como punto de encontro e esparexemento do núcleo e que pola súa singularidade necesitan un adecuado acondicionamento para a súa posta en valor, ao tempo que se evita un proceso de degradación urbanística e arquitectónica”.
Este proxecto en Rubiá pretende “contribuír á seguridade dos veciños, mediante o saneamento da infraestrutura urbana e a execución de beirarrúas na zona vella da localidade. As ditas actuacións compleméntanse coa instalación de barreiras protectoras. Para potenciar un espazo de encontro dos veciños levarase a cabo un programa de humanización de rúas polo que se instalará unha nova rede de iluminación soterrada, e se acondicionará o perímetro do parque infantil e demais zonas verdes, colocando céspede e árbores”.
Así, tras a aprobación do acordo do Consello, a Xunta encargarase da licitación das obras, que contan cun prazo de execución de 5 meses. Estes proxectos desenvólvense ao abeiro do plan Hurbe, un programa da Xunta que impulsa actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos para contribuír á revitalización do territorio.