
Do 21 ao 28 de xullo os deportistas con discapacidade máis xoves de Europa reuniranse en Estambul (Turquía) para participar nos Xogos Paralímpicos Europeos da Mocidade (European Para Youth Games). O obxectivo desta competición “é promocionar o movemento paralímpico entre os deportistas con discapacidade máis novos, alentarlles a que continúen coas súas carreiras deportivas e dar visibilidade ao deporte que practican as persoas con discapacidade. á vez que se dá a coñecer entre o resto da sociedade. Cabe destacar que os EPYG réxense polos estándares paralímpicos de excelencia deportiva e diversidade”, tal e como sinala a Federación Española de Deportes para Cegos.
Os nove deportes nos que se competirá nos EPYG 2025 son atletismo, goalball, natación, judo, boccia, tenis de mesa, baloncesto en cadeira de rodas, taekwondo e tiro con arco, que se estrea como deporte nestes xogos.
A expedición española a Turquía estará formada por 28 deportistas (15 de atletismo, 5 de goalball, 7 de judo e 1 de natación). Entre eles está a atleta valdeorresa, con orixes na Mezquita, Xiana Pungín, do Club Adas Cupa do Barco. Da delegación tamén forman parte 4 guías, 7 adestradores e 4 técnicos da FEDC. Ademais, con todos eles viaxará un equipo de médicos e fisioterapeutas que asegurarán o benestar de todos dos deportistas.
Todas as competicións terán como sede a cidade de Istambul e o lugar de competición será o Cebeci Sports Complex, excepto o atletismo, cuxas probas se realizarán no ENKA Athletics Track.
Estes Xogos organizáronse por primeira vez en 2011 e a de 2025 será a súa sétima edición. Espérase que participen máis 1200 persoas de 31 países diferentes, das cales máis de 700 serán deportistas. España competirá en atletismo, goalball, judo e natación.
Foto cedida.