
A praza do Reloxo da Pobra de Trives converterase na fin de semana do 26 e 27 de xullo no epicentro da festa e da tradición coa celebración da LII Festa da Bica, declarada Festa de Interese Turístico e un dos grandes referentes gastronómicos e culturais do verán en Galicia.
Como é tradición, a festa contará o sábado cun xantar popular que terá como menú salpicón, costela asada e, por suposto, de sobremesa, a inconfundible Bica de Trives, todo acompañado de pan, bebidas e café. Os prezos do xantar son de 25 euros para o público xeral, 15 euros para maiores de 65 anos e 10 euros para menores de 12 anos. As entradas poden adquirirse na Casa do Concello e na Oficina de Turismo. A xornada estará amenizada musicalmente polo grupo Son do Sil e culminará co concerto da artista Uxía Senlle ás 21 horas.
Esta edición da Festa da Bica contará ademais cun acto de homenaxe a Ricardo Courtier, figura fundamental da vida cultural e musical de Trives e de Galicia, fundador de Os Trinta de Trives, da Banda de Música de Trives e tamén da Banda de Música de Ourense. Participarán neste recoñecemento os seus bisnetos, Pedro e José Javier Sanz Lucotti, fillos da neta de Courtier, Marina Lucotti Courtier, quen fai esta doazón a Trives nun xesto de continuidade e lembranza do legado musical da familia e a súa ligazón co municipio través.
No marco desta celebración, o Concello de Trives fará un agradecemento público á familia de Ricardo Courtier, que vén de doar ao municipio o seu icónico piano, así como diversas partituras orixinais do mestre. Un valioso agasallo que pasa a formar parte do patrimonio cultural da vila e que reforza a ligazón entre a música, a memoria e a identidade de Trives.
A Festa da Bica volve así consolidarse como unha cita imprescindible, que une gastronomía, música, historia e emoción, nun entorno privilexiado e cunha acollida que medra ano tras ano.