O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaba esta mañá o CEIP Manuel Bermúdez Couso no concello da Pobra de Trives para, acompañado da súa alcaldesa, Patricia Domínguez, supervisar as obras da nova cuberta do centro escolar, nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destina preto de 600.000 euros.
O delegado territorial explicou que con esta nova infraestrutura, que conta de 3426 metros cadrados, búscase mellorar as condicións do centro educativo e garantir unha maior eficiencia enerxética, en liña cos obxectivos do Plan de nova arquitectura pedagóxica impulsado pola Xunta de Galicia.
Neste sentido, recalcou Manuel Pardo, que o obxectivo deste plan é dotar aos centros educativos da provincia de Ourense das mellores condicións para garantir unha educación de calidade, tamén desde o punto de vista das infraestruturas.
O representante do Goberno galego tamén salientou que con esta e todas as actuacións que ten despregadas polos máis de 1.600 edificios escolares da Comunidade, a Xunta reafirma o seu compromiso coa creación de espazos máis accesibles e sostibles, orientados a beneficiar a toda a comunidade educativa.
As obras
Manuel Pardo detallou que os traballos consisten na substitución da cuberta inclinada de chapa simple que cubría o centro por unha nova de panel sándwich, un material que ofrece mellores propiedades illantes. Para iso, foi necesario proceder primeiro á demolición da cuberta existente, o que permitiu eliminar posibles filtracións e problemas de humidade detectados en diversas zonas do edificio.
Como parte da intervención, instalarase un illamento de polistireno sobre o forxado da cuberta, que posteriormente será protexido por paneis sándwich. Ademais, contémplase a renovación dos canelóns, elementos fundamentais para garantir unha adecuada evacuación da auga de choiva. Finalmente, procederase ao pintado dos teitos interiores e exteriores afectados por humidades.