
A Fundación Juana de Vega pon en marcha SoutoLAB, un proxecto de innovación que busca recuperar, valorizar e dinamizar os soutos tradicionais nas comarcas ourensás de Valdeorras e a Terra de Trives, combinando a conservación do patrimonio natural e cultural co impulso ao emprendemento e ao desenvolvemento sostible no medio rural.
SoutoLAB preséntase como un living lab rural, un espazo de cocreación no que durante tres anos participarán activamente as comunidades locais vinculadas ao aproveitamento da castaña, os concellos, entidades públicas e privadas, asociacións, expertos e emprendedores para deseñar novas estratexias de aproveitamento social, económico e ambiental dos soutos.
“A cultura da castaña representa un patrimonio material e inmaterial que pode seguir sendo un elemento de dinamización económica, de cohesión social e de resiliencia territorial en zonas afectadas polo envellecemento e o despoboamento”, sinala José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega.
Un enfoque integral fronte ao reto demográfico
O proxecto desenvolverase entre 2025 e 2027 nos concellos do Barco de Valdeorras, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río, e conta co respaldo da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, asociacións culturais e ambientais, cooperativas agroforestais, viveiros, universidades e plataformas tecnolóxicas como Aldealista.
O proxecto SoutoLAB, que xurde do coñecemento que a Fundación Juana de Vega ten adquirido en proxectos anteriores desenvolvidos nestes territorios, estrutúrase en tres eixos principais:
• Preservación cultural: identificación e difusión do patrimonio vinculado á castaña, con especial protagonismo de mulleres e mocidade na transmisión interxeracional do saber.
• Impulso económico: apoio a emprendedores para a creación de novos modelos de negocio arredor do produto local, fomentando o emprego verde e a economía de proximidade.
• Sostibilidade ambiental: xestión multifuncional do territorio co souto como infraestrutura verde fronte aos incendios forestais e aliada na adaptación ao cambio climático.
Impacto previsto
Segundo informa a fundación, prevese a participación directa de máis de 220 persoas, especialmente mulleres, mozos e habitantes das aldeas, nun proceso colaborativo que xerará novas oportunidades de emprendemento, inventarios de patrimonio, modelos de negocio e ferramentas replicables noutros territorios rurais de Galicia.
O proxecto conta coa colaboración activa dos concellos do Barco, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río, e é un dos 7 proxectos galegos apoiados pola convocatoria 2025 da Fundación “la Caixa” “Acción social en el ámbito rural: Abordar el reto demográfico para frenar la despoblación”, que se presentaron a principios de mes nun acto público en Madrid.
As accións e fitos do proxecto difundiranse a través de medios locais, redes sociais e canles institucionais, e servirán de referencia para outras iniciativas centradas no desenvolvemento rural desde unha perspectiva innovadora e participativa.