CulturaCulturaÚltima hora

Trives acolle a presentación de “El último maqui”, libro sobre Mario de Langullo

 

O Auditorio Julio Vázquez de Trives acollía o 28 de xullo unha emocionante e concurrida presentación do libro El último maqui, do xornalista e investigador Juan Carlos Alonso. Acompañado pola alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, e polo concelleiro de Cultura, José Luis Vidal, o autor compartía co público o resultado dun exhaustivo traballo de investigación de máis de 25 anos sobre a figura de Mario Rodríguez, coñecido como Mario de Langullo, en referencia á aldea da súa familia.

Durante o acto abordouse a complexidade dun personaxe que pasou 32 anos agochado nos montes da contorna tras a Guerra Civil, convertido nun símbolo da resistencia antifranquista, pero tamén nun home marcado pola dor, a vinganza e a violencia. Alonso subliñou que “a historia de Mario non é unha lenda, senón un relato real que reflicte as contradicións dunha época na que a liña entre a xustiza e a barbarie era moi difusa”.

Mario, fillo do alcalde socialista de Manzaneda —asasinado e arroxado da Ponte Bibei—, viviu a represión do réxime franquista desde neno. A súa nai faleceu tras as palizas recibidas por negarse a revelar o seu paradoiro. Estes feitos, contaba o autor do libro, marcaron para sempre o seu carácter e a súa vida como guerrilleiro, sindicalista e, tamén, como autor de máis de quince asasinatos e medio cento de atracos, segundo recolle a obra.

Durante a presentación, alcaldesa Patricia Domínguez destacou a importancia de recuperar a memoria histórica desde a honestidade e o rigor.

O acto rematou cun coloquio moi participativo, no que veciños como José Luis ou Ramona puxeron voz á memoria colectiva da comarca, achegando vivencias e lembranzas que enriquecen o relato histórico de Mario Langullo.

El último maqui, publicado recentemente, afonda nun dos episodios máis descoñecidos e controvertidos da posguerra galega e “constitúe unha valiosa contribución á memoria democrática e ao coñecemento da nosa historia local”, segundo destaca o Concello de Trives.

Fotos cedidas.

Back to top button