EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosPizarraÚltima hora

O presidente da Xunta visita en Valdeorras a mina de lousa subterránea máis grande do mundo

Rueda destacaba nesta explotación, no concello de Carballeda, que a minaría é un motor económico para Galicia, que concentra o 9,5% da produción mineira nacional e lidera o ámbito da pedra natural, cunha presenza destacada nas explotación de lousa ornamental de España

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitaba hoxe a mina de lousa A Fraguiña, pertencente ao grupo Cafersa, no concello de Carballeda de Valdeorras, onde puxo en valor o papel estratéxico que desempeña o sector mineiro en Galicia como motor de crecemento económico, xerador de emprego de calidade e exemplo de aproveitamento sustentable dos recursos naturais. Esta é a mina subterránea de lousa máis grande do mundo.

Así, acompañado por responsables do Clúster da Pizarra de Galicia e autoridades locais, como a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González. o titular do Executivo galego sinalou que esta explotación representa o modelo de desenvolvemento que defende a Xunta, “sostible, respectuosa co medio ambiente, con futuro e ben planificada”.

Rueda destacou a importancia desta zona, que conta cunha longa tradición mineira e está a piques de converterse no primeiro Concello Mineiro de Galicia; un recoñecemento que, segundo subliñou, evidencia a súa achega histórica e presente ao conxunto do país, e é un exemplo de que a “Galicia Calidade tamén existe na minaría”. Ademais, o presidente salientou que a minaría é un “motor económico” para a nosa comunidade. Galicia concentra o 9,5% da produción mineira nacional e lidera o ámbito da pedra natural, cunha presenza destacada nas explotacións de lousa ornamental en España, factores que consolidan a súa posición como referente europeo neste eido.

 

 

O titular do Goberno galego remarcou o compromiso da Xunta cunha minaría do século XXI que combine rendemento económico, responsabilidade social e protección ambiental, e que ademais axuda a fixar poboación no rural. Neste contexto enmárcase a Lei de Recursos Naturais, xa en vigor, e coa que se pretende garantir que a riqueza derivada da produción eólica, hidráulica ou xeolóxica reverta directamente no territorio e na calidade de vida da cidadanía.

A mina A Fraguiña está aliñada cos obxectivos da Axenda de Impulso da Minería Sostible 2030, e recentemente púxose en marcha a primeira convocatoria en 13 anos de concursos de dereitos mineiros para a investigación, cun total de 51 concursos, dez deles na provincia de Ourense.

 

 

O xefe do Executivo autonómico tamén avanzou que a Xunta convocará en breve a primeira reunión do Consello da Minaría de Galicia, unha nova ferramenta institucional para reforzar o diálogo e a colaboración co sector.

Despois da visita á mina, Rueda mantiña unha reunión co Clúster da Pizarra de Galicia, que preside Eliseo López, na que coñecía de primeira man as inquedanzas e necesidades deste sector industrial asentado no rural galego.

 

 

 

A alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, agradecía ao presidente “toda a axuda que a Xunta de Galicia proporciona ao sector da lousa” e destacaba  o desenvolvemento da industria da lousa e a necesidade de “plantexar novos retos” como os que teñen que ver co turismo industrial. “Haberá que ir preparando algunha galería en desuso”, en referencia á mina visitada, “para que sexa embrión do futuro turismo industrial que non ten ninguén e que Carballeda ten que ser pioneira tamén nesto”, explicou.

Dende o Clúster se agradeceu a visita do presidente da Xunta de Galicia, da conselleira de Economía e Industria e do delegado territorial en Ourense da Xunta; así como a súa aposta por este sector clave na nosa economía. 

Back to top button