
Na xornada do 30 de xullo reuníase na Casa do Concello o xurado para a concesión dos premios do VI Concurso Fotográfico de Taboadela ‘Oficios e Saberes Tradicionais’.

Formado por David Vázquez Nóvoa, responsable da Biblioteca Pública Municipal de Taboadela; Charo Valado, concelleira de Taboadela; e José Ramón Losada Gallego, administrador do grupo e páxina de Taboadela, empresario e fotógrafo, elixían as tres mellores fotografías, dotadas cada unha cun premio en metálico, tendo en conta “criterios de impacto visual, creatividade, técnica, composición, retoque e pertinencia temática á convocatoria”.

O 1º premio (200 euros) era para “Remendando historias” de Iñaki Abellá Diéguez; o 2º (100 euros) para “Historia de costuras” de Carlos Boo; e o 3º (50 euros) para “El pan nuestro de cada día” do fotógrafo barquense Manuel Juan Otero Pérez.